Melloras parciais e máis folgos á flexibilidade

Pedro Sánchez pediu sentido común aos partidos soberanistas que cuestionan o Decreto Lei que en materia laboral pretende substituír parcialmente a reforma laboral de Rajoy do ano 2012. Esta proposta do Governo de coalizón é produto dun pacto entre CC.OO e UGT, a patronal e o propio Executivo de Pedro Sánchez. E os votos de ERC, Bildu, BNG, Compromis, e de forzas como Mais País,... son necesarios para que saia adiante o Decreto Lei no Parlamento. Ou será Ciudadanos quen facilite a aprobación dun texto que no fundamental mantén os alicerces das negativas reformas anteriores?

O Decreto Lei dá prioridade os convenios de sector de ámbito estatal fronte ao de empresa (só nos salarios), e non ao de sector que sexa máis favorábel para o traballador/ra, normalmente o autonómico e provincial. Apostase polo centralismo. En todos os demais aspectos sigue primando o convenio de empresa, co que isto implica tendo en consideración a ofensiva patronal en materia de flexibilidade na xornada laboral e retroceso nas condicións de traballo.

Por outra banda, o presidente do Governo esquece intencionadamente que nos debates da Comisión de Dialogo Social excluíronse sindicatos como ELA e a CIG, primeiras forzas en número de delegados/as en Euskadi e Galiza, e “centrais máis representativas”. Un esquecemento casual? Todo indica que non, que estes sindicatos foron marxinados por manter a coherencia fronte aos retrocesos nos dereitos laborais, pensións, servizos básicos, desemprego, etc. Polo que nunca chegarían a un acordo como o que se acaba de producir, no que se renuncia a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012. CCOO e UGT e a coalizón (PSOE+UP) estaban comprometidas a facelo coa realizada por Rajoy. Nesta actitude de rexeitamento a este novo pacto social pódense engadir moitas máis centrais sindicais en distintos ámbitos. Non estaba todo o sindicalismo, nen a clase traballadora, na mesa de dialogo social.

Hai aspectos positivos no acordo, como o relativo, a recuperar a ultra-actividade, mais tamén é certo que neste tema a vía xudicial dera a razón aos sindicatos en moitas sentenzas. A gran aposta do pacto seica é rebaixar da temporalidade, mais con que salarios e en que condicións laborais é o interrogante, tendo en consideración que se consagra a flexibilidade laboral, confirmase a redución da contía dos despedimentos e a facilidade para facelo por causas económicas, así como desligarse do convenio en vigor. En resumo, a derrogación ficou esquecida, as melloras son moi limitadas, e a patronal sae fortalecida.

Melloras parciais e máis folgos á flexibilidade

Te puede interesar