Manolo Lourenzo no corazón

Hai algo máis de catro meses, no prazo dunhas poucas semanas, morrían dous vellos e queridos amigos de tempos escolares no colexio das Discípulas de Jesús: Manolo Escariz Magariños e Manolo Galán Ucha, aos que, en maior ou menor medida –por aquilo de vivir fóra–, tratei toda a vida, eran dos amigos de sempre, dos coñecidos desde que, máis ou menos, tivemos uso de razón, desde que temos recordos máis ou menos nítidos das nosas vidas. Xa que logo, apenáronme ben ambas as defuncións, aínda que, malia o significativo incremento do número de anos de vida nos últimos tempos, cando chegamos a determinadas idades o falecemento xa non nos sorprende tanto como se fósemos máis novos, porque xa nos movemos nas proximidades da media da idade de morte en Galicia.


Este domingo pasado, 10 de agosto, deixabanos outro amigo benquerido: o admirado Manolo Lou­renzo. Había pouco que cumprira 82 anos, pois era de abril do 43, isto é sete anos máis vello ca min e que os amigos anteditos. Aínda sendo consciente de que non é tan así, vexo o Manolo como un deses coñecidos de toda a vida. Dentro dun par de meses, haberá 50 anos que comecei a miña carreira docente na Coruña, nas aulas de Filoloxía do desaparecido Colexio Universitario. Cinco décadas que supoñen boa parte de calquera vida. Ao pouco de comezar o curso, tivemos a marabillosa noticia da morte -ostentando a xefatura do Estado e na cama, iso si- do xeneral Franco, o lonxevo e cruel ditador, que acabara os seus días no poder do mesmo xeito que os iniciara: asasinando.


Nesa altura, xa de antes dese feliz suceso da de­saparición física do tirano –que non da ditadura–, percibíase un crecente interés por saber da historia e da cultura do país, idioma incluído, naturalmente. A Agrupación Cultural O Facho, fundada en 1963 na Coruña, tivo moito que ver no desenvolvemento de actividades de todo tipo que contribuísen a saciaren a sede de coñecemento do propio que unha parte da sociedade demandaba. Entre elas a actividade teatral, coa creación e posta en marcha, en 1965, do Grupo de Teatro Independente O Facho, do que Manuel Lourenzo foi, xunto con Pancho Pillado, peza fundamental. Tanto é así que a primeira obra que o grupo levou á escena foi a obra do dramaturgo madrileño Carlos Muñiz O cabalo do cabaleiro, traducida ao galego polo propio Manolo. Que sería tamén o tradutor, desta volta do alemán, dun texto de Bertold Brech, A feira dos criados, que suporía a primeira prohibición, malia o cal fora representada clandestinamente.


Outra actividade d’O Facho foran os cursos públicos de galego que se desenvolvían no Instituto Eusebio da Guarda. No curso 75-76, Manolo Caamaño, puxérase en contacto comigo para animarme a impartilos, como así foi, ese ano e o seguinte. De aí veu o meu coñecemento da Agrupación Cultural, das súas actividades e dalgúns dos seus membros, Manolo Lourenzo entre eles. E daquela a hoxe seguín de perto a inxente actividade levada a cabo por este: autor, director, actor, escenógrafo, formador de actores, investigador e estudoso, editor, tradutor, promotor e dinamizador de publicacións e grupos: Teatro Circo (1967), Escola Dramática Galega (1978), Compañía Teatral Luís Seoane (1980),. Clube de Teatro Elsinor (1990), Casahamlet (1997)..., que de todo fixo.  É unha evidencia innegable que sen a presenza constante de Manuel Lourenzo no mundo teatral galego dos últimos sesenta anos este, sen pretender restarlle méritos a ninguén, sería moi significativamente menor.


Manolo foi un pracer e un honor terte coñecido e poder gozar da túa bonomía e da túa arte.

Manolo Lourenzo no corazón

Te puede interesar