A nosa especie leva miles de anos fabricando ferramentas e, sen reparar niso, tamén está a fabricar substitutos. A última mostra desta evolución converxente puido verse nun recente encontro no burgalés Museo da Evolución Humana, preto de Antapuerca, coa participación de xentes coñecedoras da materia para reflexionar sobre un futuro común entre humanos e máquinas.
Evidenciaron como a diferenza entre un primate calquera e un “homo sapiens” foi, en boa medida, a capacidade de usar unha ferramenta para facer outra mellor. Así comezou a chamada intelixencia operativa. Desde aquela, todo foi avanzar: veu a linguaxe, que permitiu compartir coñecemento, organizar grupos e mesmo contar lerias e referir parvadas. Agora, a IA está a seguir ese camiño: primeiro aprende a facer, despois a falar, e máis cedo que tarde pasará a pensar. Abofé, así será.
Nos tempos que estamos vivir, esta forma mecánica de intelixencia está a replicar a nosa propia viaxe evolutiva, pero cunha aceleración que marea. Pasou de ser pura mecánica (unha calculadora glorificada) a dominar a linguaxe con máis soltura ca moitos de nós. O seguinte paso, din os sabidos no asunto, é o salto cognitivo: a conciencia. Un parto sen dor e programado, non coma o noso, que levou centos de miles de anos de proba e erro. E aí é onde a cousa se pon seria (ou graciosa, segundo se mire). Fálase xa dun futuro con “subespecies”: robots reivindicativos con conciencia de clase ou humanos “tuneados” pola xenética que nos mirarán aos “orgánicos” por riba do ombreiro.
O resultado será un mundo habitado por múltiples formas de intelixencia: a humana tradicional, os robots conscientes e tamén os humanos “editados”, cunha variabilidade artificial. Un novo escenario evolutivo, pero desta volta con man de obra fabricada en laboratorio e conciencia procesada en silicio. Xa non se trata só de máquinas que executan tarefas, senón de entidades que, se todo vai como prevén, poderán actuar e relacionarse co medio sen necesidade de instrucións paso a paso.
O discurso oficial insiste en que todo isto é para mellorar a vida das persoas. E algo hai de certo: a tecnoloxía xa forma parte dos corpos, en forma de próteses, marcapasos, lentes ou implantes. A fronteira entre humano e máquina dilúese cada día un pouco máis. Porén, segue sen estar claro quen marcará os límites. O control, din, ha de vir da autorregulación ética dos propios investigadores. Pero a historia non abonda en exemplos alentadores. Desde a frecha ata a enerxía nuclear, o patrón repítese: a ferramenta, máis cedo que tarde, remata usándose para andar ás labazadas, de uns a contra dos outros. Iso si, con creatividade no xeito de actuar, faltaría máis.
A historia ensínanos que todo coñecemento, por nobre que sexa, sempre acaba tendo unha aplicación comercial ou, peor aínda, militar. A tecnoloxía, como aquela primeira machada de sílex, non é boa nin mala; porén é poderosa. Pode construír ou pode esnaquizar. Niso andamos arestora.