Goberno e gobernados

O  traballo dos que gobernan non é lucido sen o concurso dos gobernados. Non é o mesmo ver os toros dende a barreira que estar metidos no allo. Fora das responsabilidades de goberno todos temos solucións aos problemas que nos atribulan, remedios que proclamamos cos amigos nun bar poñendo verde aos que nos gobernan. Hai que ver os lideres que se perden diluídos ao pe de barra! Unha cousa é predicar e outra ben distinta dar trigo.


E por que digo que a o traballo dos que gobernan non é lucido sen o concurso dos gobernados? Porque estes son partícipes fundamentais no desenvolvemento cotiá nas aldeas, vilas e cidades. Nada ou case nada se pode avanzar se a cidadanía non pon da súa parte, pois de nada serve dispor de normas de convivencia se estas non son respectadas. O pasarse as normas polo forro vémolo a pouco que sexamos un pisco observadores.


Hai cidadáns e cidadás que lles importa un comino pensar nos demais e actúan como se deles dependera todo. Vexamos: nos meus paseos pola miña vila á beira do mar observo como na ribeira acumúlanse cousas que nada teñen que ver co medio mariño: envases de plástico, latas de bebidas, botellas e un sen fin de lixo que non vai aí polos seus propios medios pois cumpre que haxa alguén que os chimpe. Segue a haber cagadas de can pola rúa a destro e sinistro porque os descoidados donos non se molestan en recollelas, e non te atrevas  recordárllelo a algúns porque terás máis que ouvir. Por non falar das cabichas que figuran a centos tiradas no chan polo desleixo dalgúns fumadores aos que nos se lles ocorrería deixalas polo corredor da súa casa. E isto pasa en todos os sitios e vémolo a pouco que agucemos a vista. E isto son só uns exemplos.


Vivimos en comunidade pero que difícil é, para algúns, respectar as normas de convivencia e que fácil adoptar como regra comportamentos antisociais! Hai certas pautas de comportamento cívico que se aprenden na casa e por suposto na escola.


Crear conciencia cívica non xorde por xeración espontánea, ten que vir dende moi atrás pois a nun adulto maleducado e incívico resulta moi difícil convencelo para que cambie de rexistro porque o mesmo que lle acontece ao estúpido que non é consciente da súa estupidez ao irreverente páselle o mesmo pois cre que a súa falta de respecto polos demais é un síntoma de liberdade persoal e atópase fachendoso sendo irrespectuoso. Vexan se non certos comportamentos dalgúns políticos no Parlamento dabondo maleducados e insolentes carentes de respecto e educación. Son fiel reflexo do que pasa na rúa, nin máis nin menos.

Goberno e gobernados

Te puede interesar

Enrique Barrera Beitia
Xosé María Dobarro
Enrique Barrera Beitia
Xosé María Dobarro