Recordo ben, moi ben, a noite do día en que se celebrou o referendo da permanencia de España na OTAN: 12 de marzo de 1986. E recórdoo porque foi un día triste, moi triste, e eses días de tristura adoito lembralos mellor que os alegres. Non sei se será rareza, mais así é.
O radical cambio de postura do PSOE –o slogan “OTAN de entrada NO” transformárase nun “vota SI. En interés de España”– era evidente que ía mobilizar xente abonda a favor do voto afirmativo, alterando, obviamente, o resultado que, máis que posiblemente, era previsible con anterioridade a esa deriva. Mais, unha semana antes da cita coas urnas tivo lugar un sorpresivo acontecemento: a presenza de José María García na TVE -a única existente na altura- pedindo o voto Si para a permanencia na OTAN, bélica organización na que, vía parlamentaria, metera a España o goberno da UCD presidido por Calvo Sotelo. Daquela, Mercedes Milá presentaba Jueves a jueves, un programa semanal que contaba con numerosa audiencia, e un dos convidados dese día fora o xornalista deportivo máis popular de España, todo un fenómeno de masas. Contra o final da entrevista, e sen que a presentadora lle preguntase nada ao respecto, introduciu o tema do referendo. Manifestou que en nome do seu único pasaporte, que era o da fiabilidade e a credibilidade tremenda que conseguira en 20 anos, e despois de deixar claro que o goberno de Felipe González o fixera pesimamente en materia deportiva e cometera gravísimos erros noutras materias, quería aproveitar a ocasión para lle pedir ao pobo español, a aqueles que, dun ou outro xeito, o seguían, o voto Si á OTAN, “y después todos juntos le pasamos factura si quieren a ese gobierno”. Así, tal cal, o dixo, como se pode comprobar en varios vídeos que se poden ver na rede.
Quen fose adolescente ou adulto nese tempo é, sen dúbida consciente, do grande predicamento que tiña José María García. Xa que logo, o feito de que saíse en hora punta televisiva pedindo o voto Si podía dar a entender que o resultado non estaba nada claro, malia que, é sabido, os referendos se convocan para gañalos. Ese feito fíxome albiscar unhas esperanzas que acabaron en frustración. O día da votación, á noitiña, quedara para cear cuns amigos nun pequeno restaurante –que xa non existe– na coruñesa Porta de Aires. Alí nos enteramos de que os nosos desexos tiñan toda a traza de que ían ser vans. O Si acabou obtendo case un 57% dos votos emitidos, perto dun 60% do total do censo.
As últimas enquisas realizadas dixeron que só un 47 % dos españois consultados se mostrou favorable á OTAN. Habería, pois, que preguntarse se nesa coxuntura resulta minimamente ético comprometer un 5% do orzamento en gastos de defensa. Mesmo me semella excesivo ese 2,1% ofertado polo presidente Pedro Sánchez. Unha prudente medida digna do maior dos aplausos, cando menos do meu, que non son nin nunca fun do PSOE.
Se cadra, á vista do complicado contexto mundial, o máis sensato fose saírse dunha organización que, en aras do beneficio económico duns poucos, non fai máis que, desde a sombra, andar metida en problemas bélicos, e non precisamente para paralos. Por moito que queiran vendernos as súas bondades, lonxe de protexernos -non vexo de quen- poden traernos perigos que hoxe non hai. Estar de alfombra de Trump...