Cartas de amor

Hai salvapantallas de todo tipo, aquí cada quen escolle ao seu gusto. Durante moito tempo tiven no móbil a foto dunha cría de elefante, que –para min– significaba a alegría de vivir. Agora baixei a dunha caixa de correos, que ten unha anotación para carteiros e remitentes que di: “Nada de publicidade. Só cartas de amor”. Lembran cando de pequenos tirabamos eses anacos de papel con mensaxe, que realmente nos tiña avergoñados, para simplemente pór un “quérote” ou “gústasme”? Ás veces eramos moito máis vehementes e, sen sabelo, escribiamos os nosos primeiros versos en tres ou catro liñas, produto dunha incipiente paixón de aquela nin entendida e, rara vez, correspondida. Nestes tempos da comunicación inmediata vía aplicacións, na que asasinan a ortografía, e que vemos que case necesitamos alguén para descifrar eses textos, talvez sexa moito máis importante mandar –recomendo que cada día– unha mensaxe que só diga: “beixos, meu amor”.  Quizais, deberamos procurar escribir algunha que outra carta. Seguro que resulta moito máis necesario querer e saberse querido. Que saiban que hoxe esta columna só é unha escusa. Saber entrever que, incluso estas Letras de Cambio, hoxe ten destinataria.

Cartas de amor

Te puede interesar