Pesar en Navantia polo pasamento de Eva Lago, unha pioneira

Finou este mércores aos 63 anos
Pesar en Navantia polo pasamento de Eva Lago, unha pioneira
Mari Carmen Ventureira e Eva Lago, primeiras aprendices da antiga Bazán (1979)

O estaleiro de Navantia Ferrol chora hoxe polo pasamento, aos 63 anos de idade, de Eva Lago, unha das dúas primeiras mulleres aprendices que entraron na factoría en 1979. Comisións Obreiras informou esta mañá da perda de Lago, "unha muller pioneira (a súa compañeira de promoción é Mari Carmen Ventureira) que abriu camiño, demostrando coraxe, compromiso e unha profunda vocación sindical desde Comisións Obreiras". 

 

O sindicato engade que "a loita obreira perde hoxe unha voz valente. O seu legado sindical e humano seguirá guiando a quen defenden a dignidade das persoas traballadoras". 

 

O comité de empresa comunicou o pésame a CCOO e a Comisión de Igualdade do estaleiro remitiu a todos os traballadores unha carta aberta por correo electrónico. "Hoxe é un día triste porque xa non estás con nós, pero tamén é un día de agradecemento", principia o texto. "Grazas por ter aberto camiño a tantas mulleres que hoxe traballamos na construción naval. Sen o teu tesón e o das túas compañeiras de batallas non estariamos onde estamos. Grazas porque nunha época moi complicada loitaches por unha sociedade e un entorno laboral máis igualitario e con máis dereitos. Grazas polo teu compromiso sindical, que nunca decaeu e que hoxe é un modelo para tod@s nós. Grazas, en definitiva, por ser como eras: un exemplo e un referente nesta factoría. Sempre estarás nos nosos corazóns".

 

O exsecretario comarcal da CIG, Manel Grandal, foi compañeiro de Eva Lago e Mari Carmen Ventureira nesa última promoción de aprendices da década dos 70. "Romperon esquemas, desde logo, porque foron as primeiras en profesións de homes, nos talleres e a bordo", sinalaba este mércores, ao que engadía: "Foi todo un fito e ámbalas dúas, Eva e Mari Carmen, abriron a porta a novas incorporacións de mulleres. Hai que lembrar que era o ano 79 e, na práctica, en plena transición". 

 

Pesar en Navantia polo pasamento de Eva Lago, unha pioneira

Te puede interesar