O asunto dos “mas(carotas)”

Xa non sorprende a ninguén: víase vir. A río revolto sempre hai alguén que apareza con máis cara que costas para sacaren partido do que sexa. Diante da urxencia, da escaseza de material sanitario perante a pandemia , abriuse de cheo o mercado para os especuladores cuxo obxectivo non é outro que traficar e, se chega o caso, daren gato por lebre, e dicir: vender caro produto de pouca calidade.

Apareceron dous tipos en Madrid aos que algúns chamaron empresarios, cousa que a min me parece esaxerado pois non pasan de seren comisionistas, un relacionado co alcalde da capital, asunto este que foi o que provocou o escándalo chamado das mascarillas , e dos “máiscarotas”. E un irmá da presidenta da Comunidade denantes destes dous. Todos vostedes coñecen este proceso escandaloso, así que non vou entrar en detalles.

Convén deixar ben claro que cobrar comisións non é ilegal pero non me negarán que se o diñeiro empregado en pagalas sae do erario público, e dicir, de todos nós e quen as cobra está relacionado con representantes da administración ao más alto nivel, a cousa pode saírse de mai e converterse nun escándalo maiúsculo que salpique ás institucións. Ao final chegamos á conclusión de que o único importante é o diñeiro e que diante del calquera cousa vale para acadalo.

E por se isto fora pouco, xa temos presente e patente outra manobra orquestral na escuridade nisto de sacaren diñeiro a costa do que sexa, dignidade incluída. Refírome á mantida polo presidente da Federación Española de Fútbol e o “empresario” Piqué xogador do Club Barcelona. Resulta que os dous urdiron o plan de levar para Arabia Saudí a Supercopa de España a cambio dunha morea de millóns, din que para o fútbol español cousa que non é certa de todo, esquecendo os intereses dos seareiros. ¿Porqué en Arabia Saudí, un país como todo o mundo sabe enchido de democracia e paladín dos dereitos humanos? Os dereitos humanos e a democracia sucumben diante do poder omnipresente do “poderoso cabaleiro” e nada importa que o señor Piqué xogue nun equipo, o Barça, que xunto co Real Madrid, ben xuntos ou por separado , non poden faltar á cita pois senón os saudís rachan o contrato e non abren a comporta multimillonaria dos petroeuros . En suma: un negocio para a Federación e para Piqué. E volvemos ao mesmo: ¿ todo isto é legal? Pois pode que así sexa, pero deixa no ar un recendo a podre que bota para atrás.

Engánanos por todos os lados, e nós malpocadiños a velas vir. Éche o que hai e non parece que vaian cambiar as cousas.


O asunto dos “mas(carotas)”

Te puede interesar