LETRAS GALEGAS | Armada invencible

Literatura en #Nordesía: Vicente Araguas escribe de "TSC. Diario de noite", de Alfonso Armada
LETRAS GALEGAS | Armada invencible

Poucos poetas, en español ou galego, que gocen tanto da miña estima como este vigués viaxeiro, vagamundo, reflexivo no concepto e brillante no estilo que fai épica cando narra ou dramatiza e crónica altísima cando poetiza. Alfonso Armada, vigués dun mundo, que percorrera como corresponsal de primeira liña, pero de verdade, non deses que alguén ten definido como “cipotudos”, a tirar despois réditos das súas fazañas en libros que se venden como churros; aceite refritido e textura resesa. 


Armada, a todo isto, ten publicado tres libros de poemas en galego, que pasaron lixeiriños polas cholas ben pensantes do curral galiciano. Onde, xa se sabe, os negociados (hai dous ou tres, xa se sabe) reparten “pro domo sua”. E, desde logo, practican o “límpate que estás de ovo” para os escritores que moran no exterior, así sexan Arcadio López Casanova ou Alfonso Armada. Autor este de tres libros de poemas na nosa lingua: Escuma dos dentros, Pita velenosa e TSC. Diario da noite

 

O último publicado por Edicións Xerais en 2009; seiscentas páxinas “plagadas de fotografías”, que reproducían poemas, un diario, escritos en 1982. Unha loucura poética (pleonasmo), propia dun poeta de vinte e catro anos, tal como nos di Armada na “Nota de autor” que precede esta edición en español dunha escolma, digamos, da edición primitiva. Esta que teño diante miña, fermosamente editada, incluíndo guía de lectura e unha postal coa fotografía do autor. “TSC. Diario de la noche” (Olifante, Zaragoza, 2024), contou coa traducción de Íñigo Linaje, autor igualmente dun prólogo titulado “Un poeta en el andén”. 


E é ben certo que un imaxina a Armada sempre coa maleta na man ou o fardel nas costas, agardando ese comboio, ascendente ou descendente cal o de Fernando Pessoa, a procura da súa viaxe exterior (que para a interior sempre está disposto). E quen teña dúbida lea estes poemas e verá que Alfonso Armada, “Armada Invencible”, por teimoso, por “testardo” que en italiano semella moito máis potente aínda, foi desenguedellando con paciencia de vagamundo entregado á (súa, que é a de todos) causa. 

 

Poesía urbana/ urbanita, termos diferentes aínda que se complementen, que anda por Vigo, Madrid, Sevilla, Tanxer e un senvivir sen solución de continuidade. Con putiñas, alcool, cadros, mexilóns, cabalos, Joaquín Sabina e mil cousas máis entreveradas por un xirar de rodas que non cesa, en vehículos nunca manexados por Alfonso Armada. 

 

Un poeta quen xa se dixo, sabe contar, e quere facelo, desde a beira dunha ponte poética onde todo ten lugar porque cabe de todo, Mesmo, nesta edición, hai tamén fotografías de, por exemplo, Kafka e Felice Bauer, co autor de A metamorfose (ou A transformación, depende de quen traduza novela tan brutal) con cara de perico camiño do matadoiro. Ou sexa: un libro total, aínda que desta volta en español e parcelado. Si.

LETRAS GALEGAS | Armada invencible

Te puede interesar