“O toxo na nosa cultura”, un documental que se proxecta en Neda co director Xosé M. Felpeto

A asociación local A Piruchela acolle este xoves a cita aberta ao público nunha nova edición dos seus “Cinencontros”
“O toxo na nosa cultura”, un documental que se proxecta en Neda co director Xosé M. Felpeto
O creador presentando un dos seus libros no centro cívio de Canido | JORGE MEIS

O director do documental “O toxo na nosa cultura”, Xosé Manuel Felpeto Carballeira, estará presente este xoves, ás 20.00 horas, na proxección desta peza, unha actividade aberta a todo o público interesado, na sede da asociación A Piruchela, en Neda. Este autor, que ademais é socio da entidade, asina un traballo de investigación posterior que potencia o mesmo tema iné­dito, e que foi galardoado co XV Premio Ferro Caaveiro.

 

 


Con Fernando Fresco na parte técnica, o audiovisual foi realizado no 2008, despois dun traballo de campo que abarcou un ano, e intégrase nunha serie publicada pola AVV de Cabreiros, que preside Felpeto Carballeira. O filme limitouse a este territorio, aínda que “podería centralo en calquer punto de Galicia”, sinala.


Segundo apunta o autor, a idea xurdiu para revalorizar o rural “e dar voz tamén ás persoas que tiñamos aquí, labregos e labregas que traballaron moitos anos neste senso”, un labor que hoxe incrementa a emoción do investigador porque unha boa parte deses protagonistas, que “son libros abertos”, xa non están.
Así, son os veciños os que relatan a relevancia do toxo “na economía das familias despois da Guerra, ata os anos 70”, cando comezou a esquecerse o tema.


Para contextualizar, Xosé M. Felpeto expresa a diferenza que separa o ámbito familiar actual da época, na que sentarse á mesa era case un acto de “resiliencia diaria”. Polo tanto, “había que aproveitar todo o que daba a natureza”, e o toxo tamén se sementaba porque servía de comida aos animais, para as cortes, despois como abono e, “cando era máis alto, tamén se cortaba para calefacción” ou como leña para cociñar os alimentos.

 

O director sitúa o tema, que se levará a debate no “Cinencontro”, no presente, cando o toxo chega a enmarcarse nas especies invasoras. Co fin de loitar contra esta consideración, Felpeto propón dúas fórmulas na súa investigación: a plantación de autóctonas e os cabalos de monte para previr os lumes, o principal reparo desta planta na contorna.

 

 

 

“O toxo na nosa cultura”, un documental que se proxecta en Neda co director Xosé M. Felpeto

Te puede interesar