Unha zona de baño no río Belelle, no que antigamente se celebraba unha romaría, pon nome a un colectivo que vén de nacer en Neda: A Piruchela, na rúa Trovador Esquío. Nese punto que serviu de inspiración deteuse a primeira andaina que organizou esta asociación cultural, gastronómica e deportiva, que está a piques de cumprir tres meses e que xa ten preparada outra programación máis para xullo. Nesta propóñense encontros para todos os gustos, dende un Cinencontro ao I Mercado Segunda Vida e, como advirte o propio cartel, “xa estás tardando en vir!”.
Aínda que A Piruchela inaugurouse o pasado día 2 de maio, o proxecto inicial rondaba dende fai anos a un grupo de amigos e amigas. “Xorde dunha idea que levabamos barrenando moito tempo, que era crear unha especie de sociedade gastronómica”, explica unha das integrantes, Lorena Montero Novo.
O seu compañeiro Gonzalo Grandal resume o obxectivo inicial: “ter unha cociña, reunirse arredor dunha mesa e ir aprendendo unhas das outras”, ao mesmo tempo que se establecen vínculos persoais. As diferentes épocas do ano irán marcando os menús protagonistas, aínda que este socio tamén dá conta do interesante que lles parecería que se acheguen persoas doutras culturas estranxeiras para compartir sabores das súas terras.
A principal limitación era o aluguer dun local, xa que precisaban que dispuxera dunha cociña axeitada, tanto en tamaño como equipamento. O que tiñan claro é que desexaban un espazo que estivera en Neda e, unha vez foi collendo forma o concepto, quixeron aproveitar as instalacións do antigo mesón Os Estrobos, no que desenvolven a súa actividade, para expandirse tamén ao eido cultural. Así mesmo, o colectivo abriu o seu campo de acción ao deporte para non limitarse e dar cabida a iniciativas como os roteiros ou as saídas en bicicleta.
Precisamente debido a esta diversificación da actividade, o colectivo desdobrou o sistema para as achegas económicas: “por un lado, quen se asocia porque lle interesa a parte gastronómica, que ten unha cota máis elevada e pode facer uso do local” e por outro, ofrécese a posibilidade de colaborar soamente nas seccións cultural e deportiva, aínda que tamén poidan convocarse xantares abertos a todos os membros.
Así, nas programacións da Piruchela, que se poden seguir a través das redes sociais (@piruchela), atópanse clasificados os encontros que están abertos ao público xeral e outros que se dirixen exclusivamente ás persoas asociadas e convidadas. Ademais, haberá certas xuntanzas so para aqueles que forman parte da sociedade gastronómica, marcando así un límite imprescindible para a súa xestión.
Con dous meses de experiencia, a directiva realiza un balance totalmente positivo, xa que das pouco máis de dez persoas coas que botou andar o proxecto pasouse a arredor dunha vintena no seu primeiro chamamento. A día de hoxe, son preto de 50 integrantes no colectivo, tanto do propio concello como do resto da comarca, do mesmo xeito que no grupo fundador tamén confluíu xente de Neda e doutros puntos a partes semellantes.
A Piruchela continúa expandindo as súas redes co obxectivo de dinamizar o territorio local, e o demostra en cada convocatoria, como no mural participativo que se realizou este sábado nunha parede exterior cun deseño de Leandro Lamas, outro dos promotores. Esta proposta atraeu a algunhas persoas que visitaban por primeira vez o espazo, que abre as súas portas con cada actividade.
De feito, tanto Gonzalo como Lorena, ambos na directiva, coinciden en que actualmente cambiaron as tornas e son os veciños ou visitantes, de idades ben diferenciadas, os que se achegan a preguntar, un xesto que agradecen enormemente. Así, as dúbidas que tiñan ao comezar, con respecto a como asumir os custos do aluguer e outros gastos, disipáronse grazas ás mostras de interese da xente.
O logotipo da entidade loce en distintos obxectos promocionais, como adhesivos ou mandís, estes últimos actualmente esgotados. Así mesmo, identifica por dentro e por fóra o local, e este foi dos poucos arranxos que tiveron que realizar os fundadores nas instalacións, moi concordantes coa súa filosofía. Por exemplo, Lorena relata que, para poder ofrecer tamén un pequeno espazo expositivo, retiraron as fotografías que deixara o anterior responsable, aínda que poderían encaixar perfectamente como unha mostra de paisaxes do concello.
Neste momento, os visitantes que se acheguen a unha actividade poderán ver a exposición fotográfica de Lucía Brage titulada “Aldea paraíso”. Esta colección captura a traballadores de Neda, e os identifica cos seus nomes, como poden ser os responsables do Recuncho, o fogueteiro, a mariscadora que xa aparece no cartel ou o panadeiro de Germán. Non obstante, estas imaxes substiuiranse polas da natureza de Antóm Marçal, baixo a denominación de “Paisagens Anortadas”, que pendurarán nos muros da Piruchela durante os meses de xullo e de agosto.
Amais desta exposición, as actividades da asociación para o vindeiro mes comezan coa primeira edición do Campionato de chave Piruchela, o venres 4, que continuará unha semana despois. Aínda que neste caso se dirixe aos socios e convidados, o seguinte encontro propón unha sesión de cine aberta ao público, do mesmo xeito que ocorrerá co I Mercado Segunda Vida, o domingo 13, a partir das 11.00 horas.
Outras novidades son a presentación e degustación de sidra “Lagar d’a Ganha” e a Troitada de Felpeto. Con grandes cambios no itinerario, repítense as experiencias da saída en bicicleta e o roteiro, que desta volta estará guiado por Guilhelme Rego, o domingo 20 ás 10.00, así como o grupo de encontro arredor do canto “Venham máis cinco”. En calquera caso, quen se sinta atraído deberá estar atento ás redes e achegarse até o local para non perder ningunha das citas que poden ir xurdindo e que non se inclúen no programa mensual.
O programa do pasado mes de xuño incluíu a gravación do primeiro programa radiofónico “Onda Piruchela”, un pódcast con público conducido polo locutor e crítico musical Pepe Cunha. Esta constiuíu a segunda actividade da asociación cultural, gastronómica e deportiva do mes de xuño, que tamén sae adiante grazas a un proceso colaborativo.
“Onda Piruchela” baséase nas entrevistas que realiza Pepe Cunha, que foi unha das persoas dese medio cento que xa se sumaron ao colectivo como asociadas, e puxo a disposición os seus coñecementos para guiar o programa. Na primeira sesión, na que tamén interviu Lorena Montero Novo, o protagonista foi Xosé Luís Rivas “Mini”. Polo momento, este contido está dispoñible en formato de vídeo, en YouTube, mais está previsto que proximamente poida accederse ao audio.
Para levar a termo todo este traballo, tamén colaboran outras persoas asociadas, algunhas porque teñen coñecementos técnicos, ceden o equipo ou axudan noutras tarefas. Da mesma maneira que ocorre no resto de actividades da Piruchela, cada quen aporta o que pode e dende o inicio constátase que a xente vén con moita vontade.