Unha homenaxe á lingua galega que "se canta, se escoita e sente" é o que se celebrou este sábado nas Torres de Mens, en Malpica (A Coruña), como describiu o seu alcalde, Eduardo Parga, no seu discurso das que sen dúbida son as Letras Galegas máis cantadas.
Cun 17 de maio adicado ás cantareiras, con maneos e punteadas, o presidente Alfonso Rueda, neste acto institucional da Xunta, celebrou o "merecido tributo" a unhas fieis expoñentes da cultura popular.
O mandatario autonómico dixo que é unha "proposta necesaria e merecida". "Nunca esconderon as súas raíces nin a súa cultura" e, ademais, "mostraron lexítimo orgullo" polos sinais de identidade que aos galegos diferencian e enriquecen.
O xefe do Executivo galego reivindicou o poderío do mundo rural tradicional, "con tantas cousas aínda por descubrir" e un legado máis vivo que nunca.
A pandereteira e vocalista Felisa Segade aplaudiu os estilos musicais actuais que beben da poesía oral e que enganchan "outra vez ás nosas raíces".
As cantareiras, proseguiu, mostraron "o que é vivir en galego" e "contra todo prognóstico" a súa maneira de socializar, as 'foliadas', mantívose.
O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, saudou igualmente o "entusiasta protagonismo" que hai pola "revitalización", con auténticas obras "de artesanía verbal". Oxalá "esa primavera" sexa eterna, desexou Monteagudo, que compartiu a súa "esperanza no futuro do noso idioma".
Moitas pandeiretas coparon a parte musical.