Os veciños de Esmelle reclaman o mantemento e a valorización do castro ao Concello de Ferrol

As demandas coinciden en boa medida cos obxectivos do equipo técnico e científico do xacemento
Os veciños de Esmelle reclaman o mantemento e a valorización do castro ao Concello de Ferrol
Unha das visitas ao castro, que xa prevé abrirse ao público | EMILIO CORTIZAS

O Concello de Ferrol vén de recibir unha reclamación da Asociación de Veciños do Val de Esmelle, que manifestou a súa inquedanza “pola falta de mantemento continuado do castro” e demanda unha serie de medidas para a súa conservación e para revalorizar este espazo como ben patrimonial.


Estas solicitudes inclúen as actuacións permanentes no xacemento coa finalidade de mantelo, durante todo o ano e non só con vistas ás campañas arqueolóxicas que se realizan cada verán. Así mesmo, a entidade coincide cun dos desexos expresados polo director da excavación, Samuel Nión, ao reclamar a recuperación do acceso orixinal ao castro “a través do antigo camiño público, facilitando unha entrada segura e respectuosa co entorno”, sinalan dende a asociación.


Tamén consideran preciso a ordenación do tránsito de visitantes, que deberían gozar dunha sinalización axeitada, do mesmo xeito que a contorna natural e arqueolóxica ten que ser protexida. Por outra parte, outra das demandas é a renovación do convenio coa cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial da UDC, que se ocupa de estudar o asentamento, e solicitan “máis medios económicos que lle permitan continuar coas escavacións, a investigación científica e as actividades de divulgación e formación”.


A AVV especifica outros obxectivos como o do Proxecto Esmelle, que “está disposto a abrir un diálogo cos propietarios colindantes” para ampliar a superficie pública arredor do castro. “O potencial deste xacemento só poderá desenvolverse se existe unha planificación a longo prazo”, conclúen. 

Os veciños de Esmelle reclaman o mantemento e a valorización do castro ao Concello de Ferrol

Te puede interesar