Un reencontro entre amigos sempre é agradable, e sobran as razóns para rememorar e revivir vellos tempos. É por isto que o grupo Adóbriga volverá ofrecer un concerto —tras a celebración do XV aniversario nas Meninas en 2024—, nesta ocasión no Rock en Canido este xoves ás 20.30 horas na praza Fernando Miramontes.
Diario de Ferrol tivo a oportunidade de falar con Guillermo Vistoso, a guitarra solista, para coñecer máis desta reunión. A homenaxe á figura de Toñito Pedreira, vocalista do grupo Riff Raff que faleceu en 2019, é un dos principais motivos que impulsan a Adóbriga a esta volta puntual aos escenarios.
“Nós tivemos unha relación moi estreita con Riff Raff”, explica Vistoso, engandindo que “cando comezamos co grupo éramos uns rapaciños de instituto e Esteban, o noso baterista, é o fillo de Sergio, o baixista”. A partir de aí xurdiu un vínculo entre ambas bandas, que sempre que podían asistían mutuamente aos seus concertos e colaboraban entre eles.
Así, tal e como recorda o músico, “nós tivemos a sorte de sacar a Toñito en diversas ocasións, Esteban tocou con eles en varios concertos e a min sacáronme algunha vez a tocar a guitarra”. Define Riff Raff como o seu referente, pois o desexo de chegar a ser como eles foi nos inicios a faísca que acendeu ese desexo de tocar. A pesar de que a reanudación total da banda sexa un soño inalcanzable, non descartan seguir celebrando concertos ocasionais, pois a súa amizade continúa intacta e desfrutan moito destas reunións.
Adóbriga sempre apostou polos temas propios, que conformarán “o 99%” do repertorio do concerto”, pero tamén incluirán “algunhas versións e sorpresas tendo en conta a traxectoria de Riff Raff e de Toñito”. Xa comezaron a ensaiar a principios de mes para poder estar “a pleno rendemento outra vez”.
Para conmemorar o seu XV aniversario, o ano pasado sacaron “Acostumbrado a perder”, un tema que foi á apertura da súa actuación nas Meninas. “Nosotros hemos vuelto con ganas de demoler” é unha das frases do retrouso e unha das partes máis significativas deste tema, pois Vistoso explica que lle puxo a pel de galiña “berrar iso no escenario sete anos despois do noso último concerto”, e apunta que lles vai “como anel ao dedo” ao ser “unha canción que fala moito de reencontro”.
O videoclip, gravado de forma caseira cunha cámara de man, combina momentos de ensaio no local con imaxes dos integrantes rindo e pasando tempo de lecer xuntos “para facer partícipe á xente do que estabamos sentindo e dese bo roio que temos”.
A música continúa a ser funda mental nas súas vidas, e todos teñen na actualidade proxectos neste ámbito. Guillermo Vistoso canta e toca a guitarra no grupo Sr. Salvaje, e o resto de integrantes —Carlos Díaz “El Chigri” (voz), Pedro Díaz (guitarra), Lucas Vidal (baixo) e Esteban Vázquez (batería)— forman parte de Baluarte. A pesar de tomar camiños separados, non esquecen os tempos xuntos e sempre que poden acuden mutuamente aos seus concertos, chegando a compartir escenario para manter vivo o espírito indómito de Adóbriga.