Naval, etnográfico, do humor, do surf, da historia natural... A comarca pode presumir dunha gran variedade de museos e centros de interpretación que contribúen á conservación, recuperación e valorización do patrimonio cultural material e inmaterial da zona.
Moitos destes espazos, trece concretamente, veñen de poñer en marcha a Rede de Centros Museísticos de Ferrolterra. O seu obxectivo: sumar sinerxias, compartir experiencias e contribuír á visibilización da amplia e variada oferta deste tipo de recursos existente en Ferrolterra.
Froito da colaboración e das xuntanzas desenvolvidas nos últimos meses xurdiu xa o primeiro proxecto conxunto: un tríptico con información de cada nun dos museos que forman parte da rede e a súa localización no mapa.
Está previsto que o vindeiro mes de setembro poida desenvolverse a presentación oficial da rede nun acto conxunto en Ferrol
Polo de agora –está previsto que se poidan incorporar algúns máis–forman parte da iniciativa o Museo Naval de Ferrol; o Etnográfico da Capela; o Etnográfico Monte Caxado de As Pontes; o Castelo da Concepción de Cedeira; o Museo Pérez Porto de cerámica, en Esmelle; o Museo do Humor Xaquín Marín, de Fene; o Centro de Interpretación de Caldoval, en Mugardos; o Museo Mares de Cedeira; a Casa do Mel de Goente; o Museo da Construción Naval de Ferrol; o Océano Surf Museo, situado en Valdoviño; o Castelo de Moeche, en cuxo interior se atopa o Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas; e o Museo de Historia Natural de Ferrol.
O próximo paso que os integrantes da rede teñen xa en mente pasa pola súa presentación pública a través dunha exposición conxunta que podería ter lugar, previsiblemente, no mes de setembro no Museo Naval de Ferrol. Así o avanza Secundino García, fundador e responsable do Museo Etnográfico da Capela, que conta tamén como xurdiu a idea de crear esta rede: “Eu persoalmente observaba o descoñecemento que ata nós mesmos tiñamos da existencia dalgúns dos museos da comarca. Falando con José María –responsable do museo Monte Caxado– ocurréusenos que non estaría mal que, polo menos, nos coñeceramos.
Fixemos unha primeira xuntanza e todos os que asistimos quedamos encantados. A partir de aí fóronse incorporando outros museos”, explica.
Compartir as problemáticas e particularidades de cada un dos centros, tratar de establecer fórmulas de colaboración e tamén de aprendizaxe a través do intercambio de información e, en definitiva, tratar de dar maior visibilidade a todos estes espazos, sobre todo aos máis pequenos, convertíronse nos eixos dunhas xuntanzas que se foron repetindo con certa periodicidade cun resultado moi positivo entre os participantes.
Logo de varios encontros, xurdiu a idea de elaborar un tríptico sobre a oferta museística da comarca, dirixido tanto para a poboación da propia zona como para aquelas persoas que chegan de moitos outros lugares e se interesan por saber que oferta teñen neste sentido ao seu alcance. “Aprendimos moito nestes encontros”, comenta García, que destaca a gran variedade e cantidade de museos existentes na zona.
Tamén sobre as singularidades de cada un, alude, por exemplo, ás diferencias entre os centros que dependen de institucións ou de concellos, que atopan así un respaldo económico e de dotación de persoal, e os que funcionan a través de asociacións, detrás dos cales “só hai moito traballo e moito voluntariado”.
Nesta primeira etapa do camiño da rede museística, e da man das xuntanzas, desenvolvéronse tamén visitas guiadas a cada museo, que tamén resultaron moi positivas para todos. “Canta máis colaboración, mellor para todos”, sintetiza García. “A rede está aberta a todos os museos”, engade, e de feito está previsto que se poida sumar ás próximas reunións o Centro de Interpretación do Medio Mariño de Cabanas “e estamos a ver si tamén o Torreón de Andrade, xa que Pontedeume é unha zona de moito turismo, moitos visitantes”. Da Rede destaca sobre todo a gran variedade e oferta que teñen os centros, “máis do que un se poida imaxinar”. Un potencial que agora se verá, de seguro, reforzado grazas a esta aposta pola colaboración entre todos