Manuel Pérez Rúa: “Se nos dixeran que Galicia ía ter unha Autonomía non o creriamos”

Presenta na Central Librera o libro sobre os 40 anos da Autonomía
Manuel Pérez Rúa: “Se nos dixeran que Galicia ía ter unha Autonomía non o creriamos”
Pérez Rúa tamén foi coordinador cultural de Moaña | Diego Seixo

“Galicia, 1981-2021. Autonomía, sociedade e cultura” (Ed. Galaxia) preséntase hoxe –19.30 horas– na Central Librera da rúa Dolores. O seu autor, o sociólogo e historiador Manuel Pérez Rúa, estará acompañado polos dous persoeiros que alicerzan este ensaio, Xosé Luis Barreiro e Ramón Villares, no que se repasan as catro primeiras décadas de autogoberno en Galicia. Daniel Romero, xestor cultural en Fene recén xubilado, conducirá o acto.


O libro condensa, explica Pérez Rúa, vinte horas de conversa con ámbolos dous protagonistas, nun diálogo “aberto, con punto e contrapunto” para analizar corenta anos dunha Autonomía cuxo nacemento, subliña o seu autor, “foi un milagre: se tres anos antes din que Galicia vai ter autogoberno e que unha serie de partidos que era supercentralistas se ían converter en autonomistas, non se crería”. 


O libro estruturouse en orixe cun cuestionario que, “dada a entidade dos dous, foise ampliando porque apareceron novas derivadas, como o tema das universidades ou a relixión”. “Eu diría”, engade Pérez Rúa, “que é algo así como a Rayuela de Cortázar: ten unhas parte monográficas –cuestión territorial, o cambio social, a relixión, a demografía etc– que podes ir saltando”. 


O sociólogo incide especialmente no contexto. “Tenme pasado que, traballando desde hai anos na memoria histórica, ás veces entrevistas personaxes relevantes que militaron en sindicatos ou partidos pero que non foron quen de comprender o contexto do momento. Barreiro e Villares teñen a súa propia memoria, pero tamén unha memoria máis contextualizada e, polo tanto, unha visión máis rigorosa. Ademais, ambos prestáronse a dialogar de maneira discrepante e sen vetos”.
 

Barreiro e Villares manteñen un diálogo aberto, sen vetos

 

As diferenzas agroman nas páxinas deste “Galicia, 1981-2021. Autonomía, sociedade e cultura”.  “Discrepan bastante, a verdade, e hai matices en todo malia teren ambos un percorrido similar, pois son do transvase do rural á cidade”, apunta.


Pérez Rúa está satisfeito de poder levar adiante este proxecto, unha “experiencia que creo que deberiamos practicar máis”. A nivel persoal, considera “unha sorte” poder facelo e “aprender”. Nesa liña destaca o debate sobre a capitalidade e a “radicalización” que xerou. E as consecuencias. Unha delas estaría, apunta, “en que teñamos unha universidade tan descentralizada”, ademais doutras infraestruturas, como os portos exteriores ou os aeroportos. “Se contextualizas Galicia e o seu orzamento, todo isto é insostible, pero naquel momento lles pareceu o mellor e agora, como di o meu amigo Daniel Romero, tíralle do aire”, conclúe. 

Manuel Pérez Rúa: “Se nos dixeran que Galicia ía ter unha Autonomía non o creriamos”

Te puede interesar