Lourenzo Fernández Prieto entra na RAG desde a cidade na que medrou

Lourenzo Fernández Prieto entra na RAG desde a cidade na que medrou
Lourenzo Fernández Prieto durante a súa intervención I CEDIDA

“Hai aspectos do pasado que foron agochados por outros, ou que simplemente pasaron desapercibidos, e recuperalos permítenos construír un relato máis plural e máis democrático do noso pasado”. Con esta e outras moitas interesantes reflexións agasallou onte o catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago, Lourenzo Fernández Prieto, ao público reunido no Jofre para celebrar o seu ingreso na Real Academia Galega.


O historiador, natural de A Devesa, en Ribadeo (1961), medrou e estudou bacharelato en Ferrol, cidade que onte lle prestou toda a súa calor e agarimo nun acto no que o protagonista reivindicou a memoria silenciada como fonte para escribir historia. A misión desta, dixo, “non é dar nin quitar razóns morais, senón contextualizar, entender no pasado e explicar, dende a distancia do presente e cos nosos valores, que é o que non queremos herdar do pasado, pero tamén o que queremos herdar” afirmou o académico. Un obxectivo no que a memoria cobra relevancia “como medio para facer historia, nunca para substituíla”, matizou.


Discurso

Fernández Prieto centrou o seu discurso de recepción como académico de número na relación entre historia, memoria e política no contexto da Transición democrática en Galicia a partir dunha discusión pública que tivo como protagonistas a Valentín Paz-Andrade, senador electo na reinaugurada democracia en 1977, e Camilo José Cela, senador por designación real.


O episodio rescatado, vinculado á reivindicación galeguista dun Estatuto de Autonomía que apelase ás raíces republicanas, é para o historiador un exemplo claro da “fondura do noso esquecemento colectivo, alén dese repetido mantra do pacto do esquecemento da Transición”, e de como “o relato do pasado, tamén o das vítimas, sempre está dominado polo vencedor. Máis aínda cando o vencedor foi verdugo”.
O investigador, centrado desde os seus comezos no eido da historia agraria e desde 2006 tamén na memoria do golpe de 1936, da guerra civil e da represión do franquismo, apuntou tamén que “nas últimas décadas, a historiografía aprendeu que hai moita memoria na historia e, viceversa, hai moita historia na memoria. Ambas as dúas aliméntanse se sabemos usalas”.


Acompañado na entrada ao teatro polas dúas académicas de máis recente incorporación, María López Sández e María Dolores Sánchez Palomino, apelou á memoria republicana na súa lembranza a Luz Pozo Garza (1922-2020), cuxa cadeira ocupa desde onte e coa que comparte raíces ribadenses.
Retratou á poeta como “unha muller doutro mundo” en plena ditadura, porque ela era muller “do mundo republicano e democrático”, e subliñou a través dela o papel feminino na recuperación da democracia. “As eleccións [de 1977] e o seu resultado, o salto adiante cara a este futuro, pasou por mulleres coma ela tanto coma pola acción política organizada da mocidade antifranquista”, aseverou.

 

Fernandez prieto 2
Foto de familia no acto celebrado onte no Jofre I CEDIDA


Aludiu tamén Fernández Prieto a súa memoria persoal para debuxar a historia colectiva da súa xeración: a dos nenos e nenas que estrearon a EXB e que máis adiante se mobilizarían a prol da democracia, así do que significaba ser, como el, neofalante nunha viaxe na que os fillos dos que migraron do agro ás cidades semellaban destinado a perderen a lingua do país.


“Lembro que empezamos a usar o galego nas aulas en 1º de BUP (curso 1975-1976). Unha presada de nós, coa compracencia de profesores que logo serían amigos como Guillermo Llorca, Xosé Manuel Pose Mesura, Edelmiro Gil ou Luís Aneiros. En 2º (1976-1977) xa celebraramos o Día das Letras Galegas dedicado a Antón Villar Ponte. Aquela mocidade profesoral encargábase de todo e permitíanos moito. Tamén axudaba a dirección do centro, que deixaba facer”, lembraba onte, achegando algún exemplo. 


“Organizarmos unha feira do libro galego cadrando coas Letras Galegas de 1977, na que o máis vendido foi Control de natalidade. Métodos contraceptivos de Cipriano L. Jiménez Casas, a mellor forma de engaiolar coa lingua os adolescentes”, rememoraba no Jofre en referencia aos anos como estudante na escola Jorge Juan, aos que lles sucedeu o curso preuniversitario no Instituto Concepción Arenal.

 

Ramón Villares

O director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, encargado de dar resposta, en nome da institución, ao discurso de Lourenzo Fernández Prieto, retratou ao novo académico como “un intelectual comprometido coa causa da lingua e da cultura da Galicia”. 

 

Pertence a unha xeración, engadiu, que chegou á universidade a finais dos anos setenta e que, no canto de pescudar sobre a súa identidade individual e labrar un rápido “cursus honorum”, escolleu “unha laboría colectiva capaz de soerguer a cultura e a ciencia de Galicia”. Para Villares, esta nova incorporación “reforza a potencia intelectual da Academia como ente colectivo e, de forma especial, o coñecemento do tecido histórico de Galicia, nomeadamente nos tempos máis contemporáneos”. 

Lourenzo Fernández Prieto entra na RAG desde a cidade na que medrou

Te puede interesar