Jaime Pablo Díaz, de Nova Galega de Danza: “A historia de Dique tiña que ser feminina"

A Nova Galega de danza, dirixida polo ferrolán Jaime Pablo Díaz, traballa nunha peza sobre o Dique da Campá
Jaime Pablo Díaz, de Nova Galega de Danza: “A historia de Dique tiña que ser feminina"
Jaime Pablo Díaz en imaxe de arquivo | Jorge Meis

Haberá moi pouca xente en Ferrol que non saiba cal é o Dique da Campá, o que lle dá nome a unha das máis maxestosas portas do Arsenal que mira cara a praza de Galicia. Saberán moitos que foi Andrés Comerma quen asinou os planos do que foi o maior dique do mundo, da obra hidráulica máis importante de España no século XIX. Porén, son moitas menos persoas as que saben que foi o traballo de 200 mulleres o que fixo posible a súa construción, baleirando de pedras o emprazamento elixido.


O ferrolán Jaime Pablo Díaz, director da compañía Nova Galega de Danza, descoñecía tamén a historia destas mulleres invisíbeis –como tantas outras– ata que deu con ela lendo un volume de “Ferrol en Feminino”, esa escolma de ferrolás esquecidas que foron recuperadas nun fermoso traballo colectivo publicado polo Concello. Despois de anos dándolle voltas, e impulsado polos seus bailaríns, traballa desde hai meses en Dique, un novo espectáculo que artella conxuntamente co Centro Coreográfico Galego e que está co-producido pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), dependente da Xunta de Galicia.


Coa produción do propio Díaz, é a directora de escena Marta Pazos quen dirixe a peza, que conta ademais coa coreografía de Belén Martí Lluch, fundadora da compañía Mucha Muchacha e coreógrafa de La Mesías, de Los Javis. O terceiro pé desde triángulo feminino é a compositora Clara Aguilar, que acumula tamén recoñecementos por Creatura. “O equipo ao completo, incluídas as oito bailarinas que farán parte do elenco, está composto por mulleres, tamén os perfís técnicos”, destaca de primeiras o produtor, convencido esta vez da necesidade de manterse nun segundo plano para contar unha historia de mulleres a través de mulleres.

 

"As mulleres dirixen e actúan"


“Empecei a buscar información destas cargadoras, porque había moi pouca, e mesmo estiven falando con historiadoras para afondar máis no relato. Decateime moi rápido de que tiñamos que facer unha peza contada por mulleres e pensei en Marta Pazos de primeiras, á que admiro e que é boa amiga miña”, explica Jaime Pablo Díaz, remarcando que se trata dunha peza “innovadora tamén no sentido de que as mulleres son as que dirixen e as que actúan”, algo que chamou a atención da directora de escena desde o principio: “Deume as grazas porque recoñeceu que non é común, non é natural que os homes baixemos un chanzo e fuxamos do protagonismo, pero a min pareceume que ten que ser así, é o proxecto do que se fala, non son eu”, reitera.


De feito, amosa fachenda cando recoñece que “é a primeira vez que non estarei desa forma nunha peza da Nova Galega de Danza” e non escatima en boas palabras para toda a equipa que traballa arreo para chegar a estrea en xuño. Desde o casting de bailarinas, que estaba acoutado a Galicia e finalmente chegaron doutros puntos da península, ata o respaldo do Agadic, os ventos parecen estar sendo propicios para que sexa a danza a que rescate a memoria dunhas mulleres das que unicamente temos un gravado no que se lles ve ben pequenas, cos cestos na cabeza, camiñando canda o abismo que abriron elas mesmas a poucos metros de San Xiao. Ao outro lado do muro.

 

11,6 millóns de cestos


Estas 200 “pedreiras” ferrolás retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras desde 1874 en adiante, cargando con 11,6 millóns de cestos para facer posible un dique hai 150 anos. Por suposto, cobraban menos ca os seus compañeiros homes, aínda que estaban organizadas sindicalmente coma outros colectivos da época: “Tiñan unha unión brutal, como lles pasaba ás mulleres estibadoras, ás augadoras... Facían traballos moi duros, feminizados, que cando empezaron a ser menos precarios foron copados xa por homes”, valora Díaz, avanzando que xa lle pediron levar a peza mesmo fóra de Galicia polo Día da Muller.


Nesta sorte de enxeñeiro Comerma no que se converteu o director de Nova Galega de Danza estes meses, inmerso nun traballo diferente ao que está afeito nestas dúas décadas de traxectoria na compañía, admite que “estamos nun momento de cambio”, mudando novamente os conceptos sen perder a esencia: “Ao pouco de comezar xa nos lanzamos á innovación, tendo sempre presente a nosa tradición, pero fuxindo de facer sempre o mesmo”, afonda. Este foi un dos motivos, a conxunción das raíces e da innovación na danza galega, o que animou ao Concello de Ferrol a outorgarlle a Insignia de Ouro da cidade en 2022.

 

Unha estrea en Ferrol?


Berro, a peza coa que Nova Galega de Danza repasou os seus 20 anos nos escenarios e para a que levou a dirección artística a israelí Sharon Fridman, foi quen de trasladar e materializar esa mistura entre a tradición e a modernidade. “Esta peza foi un antes e un despois. Comentábanme que estaba pensada para un público maduro, exquisito. Temos que seguir medrando nesa liña”, desexa o ferrolán, apuntando a que esta montaxe poderá verse no mes de abril tanto en Carballo como en Compostela.


Logo da xira con Berro, preguntámoslle como leva o bailarín o paso do tempo que quedou marcado nela: “Sofres, a verdade. O corpo xa non é o mesmo, tes que adaptarte, asimilar que non se pode e deixar oco á xente nova que chega pegando forte. A nivel emocional é moi complicado... Levo toda vida bailando: empecei en Terra Meiga ata que cheguei a Coruña da man do ballet Rey de Viana. Agora esta paixón foi mudando, transformándose cara outras disciplinas como a escenografía, o imaxinario....”, admite. Nesta nova faceta súa como escenógrafo, ademais de coreógrafo, acadou xa unha nominación con Leira (2020) ao Premio Max das Artes Escénicas.


Jaime Pablo Díaz ten agora o corazón posto en Dique, picando pedra para cumprir o soño dunha estrea en Ferrol o vindeiro 21 de xuño, mais recoñece que non está sendo un camiño doado porque a cidade non é unha praza fácil. “Meu pai traballou na Bazán e a historia tócame de preto, así que quería facelo aquí. Primeiro, cunha visita ao propio dique no Arsenal para contar a historia e darlle contexto, e despois levando ao público cara o Jofre”, detalla. Haberá que agardar para saber se a estrea de este baile co Dique da Campá xogará ou non en casa.

Jaime Pablo Díaz, de Nova Galega de Danza: “A historia de Dique tiña que ser feminina"

Te puede interesar