Dos fondos patrimoniais do Ateneo Ferrolán veñen de saír, 28 anos despois, as fotografías que Sebastião Salgado (1944-2025) capturou para a súa colección “Terra”, coa que daba a coñecer ao mundo a loita do Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra de Brasil. Iria Lúa Abeixón Lourenzo desempoou estas pezas, que permanecían en perfectas condicións, para volver expoñelas dende unha perspectiva actual, un conxunto que permanecerá aberto ao público durante este e o próximo mes.
A proposta coincide nun momento de explosión a nivel expositivo, xa que os que se acheguen ao centro cultural poderán aproveitar para subir aos distintos andares e observar algúns recunchos da cidade a través da perspectiva de Marta Gil, que exhibe as súas fotografías da colección “Olladas”, ou a mostra de cerámica e estampación natural de Maricarmen Sendón e Laura Cartamil, “Dime que ves?”.
Cando a comisaria da mostra de Salgado, que é de Padrón, rematou o grao en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, cunha especialidade en textos escritos pola que desexaba continuar, veu á cidade atraída polo mestrado en Museos, Arquivos e Bibliotecas da UDC, que se imparte na Facultade de Humanidades. A raíz desta experiencia, polo convenio que manteñen entre ambas institucións, comezou as prácticas no Ateneo Ferrolán como colofón dos seus estudos, que lle permitiron coñecer a entidade e colaborar, en maior ou menor medida, nas diferentes actividades que desenvolven.
Entre todas as tarefas xurdiu a oportunidade de organizar unha mostra fotográfica de Sebastião Salgado, a xeito de conmemoración con motivo do seu pasamento. As pezas forman parte da colección “Terra” que publicara no 1997 en forma de libro, amais de ofrecer tamén as imaxes en formato lámina, que son as que se conservaban nos fondos da entidade e que agora volven saír á luz no centro cultural.
Con este propósito, a encargada tivo que indagar en aspectos como o “por que están no Ateneo, como se expuxeron naquel momento e investigar o que Sebastião Salgado pretendía coa creación da colección, pero tamén adaptándoa aos tempos actuais, ao espazo e a como a xente se move ou interactúa”, sinala Abeixón Lourenzo.
Segundo explica a comisaria, o autor colaborou co Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra –MST– para visibilizar realidades como “o éxodo dos campesiños no Brasil, en que condicións viven nas periferias urbanas…”, un labor que se aliñaba “totalmente cos valores desta organización”, polo que as vendas se destinarían ao colectivo. Así mesmo, correspondíase coa filosofía do Ateneo, que decidiu mercar as obras o mesmo ano que saíron, “en colaboración parcial co Concello de Ferrol”.
“Era unha novidade: viñeron uns activistas do MST tamén a vela, e despois de estar exposta durante dous meses, en outubro e novembro do 97, foi itinerando, en colaboración coa concellería de Educación, por diferentes institutos de Ferrolterra”. O libro orixinal, que incluía un prólogo de José Saramago, combinaba as fotografías cunha poesía e naquela primeira mostra antes do cambio de século exhibíanse estes conxuntos.
Desta volta púxose o foco nas imaxes que, dentro da temática común, poden agruparse noutras subdivisións. “Nelas fanse visibles os efectos da enorme concentración de facendas no rural: hai varias nas que vemos protestas dos campesiños aos que vemos organizándose ou mesmo en algún tipo de actitude de rebelión: manifestacións, altercados coas forzas de seguridade, etc.”.
Así mesmo, capturáronse aspectos da vida máis cotiá, nos que se denuncia a pobreza e a fame das familias. Ademais, “unha parte súper importante son os retratos do éxodo ás cidades, pero no seu sentido máis literal. Hai moitísimas fotografías de xente camiñando, acumulada en vehículos, enterrando aos seus mortos nas beiras das estradas... déronme unha sensación de movemento obrigado”.
Estas imaxes, que se reparten entre o ambigú, onde se poden ver “fotografías máis íntimas, primeiros planos...”, e o vestíbulo, no que se acumulan a inmensa maioría, tiñan que ser contextualizadas para o visitante. A solución foi a elaboración duns carteis, un deles “no que se explica a traxectoria de Sebastião Salgado, tanto como fotógrafo como a nivel persoal, porque fixo de activista ambiental en realidade”. Amais desta dualidade, tamén explicou a historia que o vincula ao Ateneo Ferrolán.
Sobre a entidade, Iria Lúa Abeixón destacou que “a nivel de historia local, son uns fondos moi ricos e, de feito, no meu tempo alí entraron por esa porta moitos investigadores a diferentes niveis, tanto persoais para consultar a hemeroteca e aprender cousas sobre a súa familia, como buscar publicacións para facer documentais ou escribir libros”.
“Foi moi enriquecedor coñecer todos os aspectos da exposición: dende a investigación ata a colocación in situ da maneira máis física e pouco intelectual que poidas imaxinar, despois a promoción, facer que chegue á xente...”, valora a comisaria.