Coa cara limpa das augas e as herbas do San Xoán, no caso das persoas que cumpran tamén con esta tradición, dáse a benvida ao verán e despídese a primeira gran festividade da tempada. En Ferrol celebráronse varias xuntanzas masivas abertas ao público, que darán paso a outros encontros menos populares polo San Pedro, unha “excusa” para continuar a troula que o ano pasado recuperou a comisión de festas de Caranza, sen dar lugar a envexa ningunha con respecto aos ánimos do luns.
Unha das organizadoras máis veteranas é a asociación de veciños de Esteiro, que volveu manter vivo o rito de acender a lumieira no terreo do 1008 para todos os habitantes da contorna, un encontro que contou coa colaboración do Concello, que estivo representado coa presenza do concelleiro de Festas, Arán López, dende o comezo da noite. Antes xa de que escurecera, os asistentes puideron “mollar o pan” na sardiñada que prepararon na rúa Mendizábal, co apoio do café bar La Bohème.
Este mesmo recendo tamén se apreciou no barrio de Caranza, procedente do campo da festa anexo ás hortas comunitarias e á ribeira, onde anualmente se encarga da celebración do San Xoán o colectivo sociocultural A Revolta de Trasancos. Amais do peixe típico, na grella tamén se cociñaron outros imprescindibles como os chourizos, na barra houbo pouco descanso e entre os asistentes ocorreu algo semellante coa música tradicional que se foi improvisando ao longo da xornada. Nesta edición, tanto no cartel, coa incorporación dun anaco de sandía como símbolo de resistencia palestina, como no propio espazo físico, a organización plasmou o seu apoio ao pobo de dita nación.
O centro cívico de Canido foi o punto central da xuntanza que organizaron en colaboración entre Artábria, a asociación veciñal e Muíño do Vento. Nesta festa, a parte gastronómica distinguiuse pola oferta, aparte dos cárnicos, dunha opción de espetos veganos. Da mesma maneira, o cartel incluía, xunto á reivindicación dunha “ordenanza de ruídos ao servizo do pobo e da cultura” o concerto de Brixta, no que debutou Tania, a cantante coñecida por outras bandas como Sr. X, e a actuación musical que realizou por fóra Treboada de Canido.
Entre os encontros que estiveron abertos ao público, celebrados no termo municipal ferrolán, e que tiveron como elemento común as lumieiras, non podía faltar outro barrio que leva na médula esta tradición. Trátase de San Xoán Filgueira que, xunto á parroquia de Esmelle, conmemora polas mesmas datas as súas respectivas festas patronais e a coñecida como noite meiga, aínda que sen solaparse. A actividade do luns serviu como colofón do cartel do San Xoán de Filgueira 2025 xa que, aínda que este martes aínda queda a sesión vermú longa a cargo do grupo Jaque e os descontos nas atraccións polo Día do Neno, trátase da xornada grande na que a comisión dá paso á organización da asociación veciñal.
Pola tarde xa se podían ulir as sardiñas tamén nesta zona, que se degustaron ao son das melodías tradicionais do grupo A Roda, precedendo a un dos atractivos máis esperados por moitos. Unha bruxa xigante realizou un percorrido até o campo da festa ao ritmo da percusión afrobrasileira do colectivo lucense Tambukda, que antes de chegar ao destino animou á clientela dos bares. Así mesmo, repartiuse queimada de balde antes do comezo da verbena.
En Esmelle, pola contra, a noite de San Xoán, que tamén contou cunha lumeirada e a degustación, con arroupo musical, de liscos e chourizos, serviu de entrante para o patrón. Este mesmo martes continúa a celebración a ritmo de La Bamba e París de Noia, mentres que o mércores, cando se repartirá o xantar gratis até o fin de existencias, serán protagonistas Dúo Boreal e América de Vigo.
O ano pasado, a comisión de festas de Caranza comezou a súa andaina propoñendo distintos eventos para recadar fondos de cara ás festas do mes de agosto. Con este fin, un dos encontros que destacaron por quentar os ánimos dos veciños foi a celebración do San Pedro Caranceiro, que contou coa música do inesgotable Frank Fairlane.
Esta xuntanza, que volveu sacar a parrillada ao mesmo tempo que se recuperaba unha tradición máis minoritaria a día de hoxe en Ferrol, cumprirá unha nova edición este sábado 28, na mesma localización: o campo da festa, onde o luns celebrou o San Xoán A Revolta de Trasancos.
No San Pedro Caranceiro deste ano, a comisión comezará a prender os lumes pola tarde e está previsto que sirvan as racións a partir das 19.00 horas, incluíndo liscos, chourizo, criollo e pan por cinco euros.
Ademais, nesta ocasión a música virá a cargo dun DJ distinto, que ten un vínculo especial co barrio de Caranza por impartir clase aos alumnos de La Salle. Se trata de Masi Music, al que muchos recordarán amenizando en la emblemática La Concha.