A dramática situación dos “sen terra” de Brasil, persoas que perderon os seus traballos no campo e foron obrigadas a emigrar ás cidades onde quedaron marxinadas, foi capturada pola cámara de Sebastião Salgado na súa colección “Terra”. Con motivo do recente pasamento do fotógrafo nado en Minas Gerais, o pasado 23 de maio, o Ateneo Ferrolán recupera do seu fondo patrimonial 40 imaxes deste conxunto, que xa fora exposto no centro cultural local en 1997, e as exhibe novamente dende hoxe mesmo.
Preto de trinta anos despois, volven saír á luz nas mesmas instalacións as fotografías coas que o autor mostrara a súa solidariedade co Movimento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra –MST–, unha entidade social autónoma que actúa en todo o país para organizar ás familias que permanecen en asentamentos e campamentos. A finalidade é conquistar o territorio na procura dunha reforma agraria e dunha transformación social cara un desenvolvemento máis xusto, partindo do acceso de todas as persoas aos recursos dispoñibles, a seguridade alimenticia e unha democracia participativa real.
Debido á extensión da colección, as obras estarán repartidas polo espazo, ocupando tanto o vestíbulo como o ambigú da entidade. Algunhas das realidades que se tratan a través das fotografías que integran “Terra” son o traballo cotián de millóns de mulleres e homes rurais, do seu éxodo ás cidades e a súa vida nos extrarradios das grandes urbes, a violencia que sufre a xente do agro e a loita dos propios campesiños por recuperar a súa terra.
O compromiso socioambiental de Sebastião Salgado non só se constata nos seus traballos como fotógrafo, recollidos noutras coleccións como “Gold”, “Amazônia” ou “Éxodos”, senón tamén en proxectos como o Instituto Terra, que fundou xunto a súa compañeira Lélia Deluiz Wanick.
Despois de lucir a súa arte por outros concellos como o de Fene ou San Sadurniño, Mari Carmen Sendón e Laura Cartamil levan agora a súa mostra de gravados e estampacións denominada “Dime, que ves?” ao Ateneo Ferrolán, onde se comezará a exhibir dende este mesmo luns na sala 2 do terceiro andar. Non obstante, o acto de inauguración terá lugar o venres, ás 19.00 horas, coa participación de Amelia de Querol, que, do mesmo xeito que aconteceu noutras sedes anteriores, ofrecerá un recital poético aos asistentes.
Para levar a cabo esta proposta, as artistas botaron man de elementos naturais como follas ou pólas e realizaron os distintos tipos de impresións empregando maioritariamente papeis elaborados con métodos artesanais, ademais de teas, que dialogan con esculturas feitas en cerámica.