“Hai que continuar co urbanismo que permita abrir Ferrol ao mar”

“Hai que continuar co urbanismo que permita abrir Ferrol ao mar”
O traballo foi presentado onte no edificio de Herrerías | daniel alexandre

“En Ferrol deben continuar os procesos urbanísticos que permitan a apertura de Ferrol ao mar e os vencellados aos centros tecnolóxicos e universitarios, en aras da diversificación do tecido social e produtivo de Ferrol”.

Así o cren os arquitectos Manuel Romero Pérez e Federico Carro Gil. Eles son os autores do monográfico ao que FerrolAnálisis dedica o seu Caderno número 32, desenvolvido baixo o título “Arquitectura pública de Ferrol. 1977-2017”, que onte foi presentado na sala Carlos III de Exponav polo Club de Prensa local e a delegación ferrolá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). 

O traballo recolle máis de cincuenta obras dos equipamentos da cidade, entre edificios, prazas e outras intervencións urbanas, analizándose con detalle a metade destas.

“É posible intuír as procuras e obxectivos que definiron o desenvolvemento da cidade nestes anos porque, en definitiva, a arquitectura e o urbanismo, en certa forma, reflicten os logros e os novos valores xurdidos nesta importante etapa de alternancia democrática”, din os autores. 

Unha evolución urbana, engaden, “que tamén nos permite vertebrar e ordenar a presentación destas singulares obras, coas que non só tivo continuidade a construción da cidade de onte, senón que tamén podemos atopar o camiño a seguir pola cidade do mañá, xa que, na vida das urbes, o presente é só un efémero instante situado entre un pasado que as constrúe e un futuro por proxectar”, manifestan.

Ensanches
O traballo, que arranca en 1977, coincidindo coa creación da delegación de Ferrol do COAG, aborda tamén o tema dos ensanches xurdidos do chamado “desarrollismo” que, segundo Romero e Carro, creceron como “un desordenado entramado, moi alonxado da proposta de Rey Pedreira nos anos trinta”, e o polígono de vivendas de Caranza desenvólvese como un “illado” barrio dormitorio.
“Ademais, nos anos 70 e 80 aínda non había o repecto actual cara ao valor patrimonial dos centros históricos. Esta falta de sensibilidade, unida á especulación do tardofranquismo, produce un catastrófico deterioro dos barrios históricos: Ferrol Vello, Esteiro e A Magdalena. Pero tamén é certo que estes problemas eran comúns á maioría das urbes galegas”, explican.

Para os autores, as actuacións máis destacadas no decurso das catro décadas que van desde 1977 a 2017 foron o plan especial do Inferniño –que posibilitou o traslado do estadio de fútbol á nova zona deportiva da Malata, xerando novas áreas públicas–; a materialización da Avenida de Esteiro –que permitiu enlazar o novo barrio de Caranza co centro histórico, ademais da creación do campus universitario de Esteiro–; e a rehabilitación de singulares edificios históricos, como o Teatro Jofre, o Centro Cultural Torrente Ballester no antigo hospital de Caridad, o antigo hospicio e doutras edificacións como a do Ateneo Ferrolán ou a sede do Coro Toxos e Froles, que contribuíron a rexenear os barrios históricos. 

Os arquitectos encargados do monográfico presentado onte consideran que tendo en conta o deficitario investimento público na cidade, os resultados foron, en xeral, bos.

“Hai que continuar co urbanismo que permita abrir Ferrol ao mar”

Te puede interesar