O fortín medieval de San Jorge, unha das referencias do verán no concello modestino

O fortín medieval de San Jorge, unha das referencias do verán no concello modestino
Castillo Moeche | c.M.

Agosto é un mes especialmente intenso no castelo de Moeche. Nestas datas de verán estanse multiplicando as visitas á fortaleza e tamén ao Centro de Interpretación das Revoltas Irmandiñas –que foi recentemente remodelado– e, ademais, o Festival Irmandiño, coa cantidade de xente que atrae, tamén acentúa o interese por descubrir o pasado medieval da vila, como precisan desde o Concello. A iso hai que engadirlle outras propostas na liña de que o castelo sexa un espazo permanente para distintos eventos culturais. Os máis inmediatos son a exposición sobre natureza e paisaxe do proxecto “Lost in Woodlands Photography” do reputado fotógrafo mugardés Álvaro Lamas, aberta desde hai uns días, e a Noite de Lendas representadas pola Escola Municipal de Teatro que tivo lugar este venres intramuros.


“Alvaro Lamas é un fotógrafo especializado en paisaxes e natureza cunha querencia especial polos bosques e ríos galegos, sobre todo polos do norte da provincia da Coruña, aínda que no seu proxecto ´Lost in Woodlands Photography´ tamén se poden ver instantáneas doutros recunchos do Estado e do mundo nas que sempre busca o protagonismo das contornas e a súa beleza sen presenza humana”, como precisan desde o concello modestino.


Lamas ten percorrido milleiros de quilómetros  botado horas encadrando e realizando imaxes asombrosas de fragas, ríos e puntos costeiros espectaculares que despois amosa nas súas redes sociais e que incluso se lle poden mercar  imprimidas en grande formato sobre papel ou sobre aluminio, “en ambos casos cunha calidade abraiante”, precisan.


Caracterizan a súa obra, cores verdes intensas, augas sedificadas –técnica de longa exposición que fai parecer os ríos e regatos coma un ronsel de seda–, detalles cálidos ou fríos que contrastan co fondo e que fixan a atención de quen mira no lugar xusto, gradacións suaves entre luces e sombras propiciadas polo tamiz da néboa ao amencer ou os fortes contrastes da hora máxica do solpor, así como un grande dominio da composición tanto nas tomas con grandes angulares como na fotografía macro, son só algúns dos trazos que definen o seu xeito de ver e reflectir a natureza.


A mostra de Alvaro Lamas poderá visitarse coa entrada do castelo ata o 30 de setembro na sala de exposicións do Centro de Interpretación das Revolucións Irmandiñas.


Os horarios son os habituais de apertura da fortaleza: os mércores, xoves e venres de 11.30 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos o horario ampliado de verán é de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 horas, como precisan desde o Consistorio. 

O fortín medieval de San Jorge, unha das referencias do verán no concello modestino

Te puede interesar