Fernando F. Rego: “A escena musical e cultural galega dos anos 80 tivo unha grande identidade”

“Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo, underground” (editorial Galaxia) é o título do libro co que Fernando Fernández Rego –Ferrol, 1979– aborda unha década que deu moito de si
Fernando F. Rego: “A escena musical e cultural galega dos anos 80 tivo unha grande identidade”
Fernández Rego | Cedida

“Anos 80. Movida, atlantismo, vangardismo, underground” (editorial Galaxia) é o título do libro co que Fernando Fernández Rego –Ferrol, 1979– aborda unha década que deu moito de si e que quedou no imaxinario colectivo como unha das máis –a máis para moitos– prolíficas da música, tamén en Galicia. Foi, desde logo, unha etapa de efervescencia non só no eido sonoro, senón a todos os niveis.

 

Di que este libro é consecuencia ou unha derivada dun texto anterior, “Unha historia da música en Galicia”. Por que unha publicación específica sobre os anos 80?
En “Unha historia da música en Galicia (1952-2018)”, cando toquei os 80 decateime de que había moitas cousas, sobre todo no aspecto máis contracultural e underground, que quedaban nun segundo plano porque, do contrario, iriámonos a dous volumes. Había moitas cousas que contar desa década que merecían un libro de seu. E niso traballei estes anos: quedou unha visión moi global porque, aínda que a música é o fío condutor, non quería falar só dela, senón tamén das outras artes que despuntaron nos 80, sobre todo o audiovisual, as videocreacións de Xavier Villaverde, de Antón Reixa; a poesía, co grupo de comunicación Rompente e con Ronsel, que facían performances poético-musicais moi interesantes. E tamén coa plástica de Atlántica, con Menchu Lamas e Antón Patiño, e co mundo do fanzine. O do fanzine parecíame importante porque, xunto cos casetes, foi o vehículo de toda esta contracultura. Houbo moitísimos en Galicia; eu cataloguei máis dun cento, dos cales, por exemplo, en Ferrol temos algúns moi importantes, como “Patito Feo”.

 

Vigo foi o gran referente, pero no libro fala doutras cidades e mesmo vilas ás que tamén lles outorga un peso específico...
Crin que era importante deslocalizar as escenas. Aínda que Vigo acapara gran parte dos focos, Ferrol ten un capítulo (a reconversión naval e o pop: Los Limones ou Terminal Norte). Non quixen facer só un libro sobre a Movida. A Movida está aí porque foi o epicentro de moitas cousas, pero tamén houbo contracultura e underground practicamente en calquera sitio de Galicia nos 80.

 

 

Fálase moito da Movida, pero que foi realmente? Como se pode definir?
É complexo. Movida foi o nome que, sobre todo, recibiu a escena de Madrid. Logo chegou a conexión con Vigo e no ano 86 foi aquilo de “Madrid se escribe con V de Vigo”... Foi máis ben unha etiqueta que se lle deu a eses movementos, pero en moitos sitios, poño por caso Ferrol, non se falou de Movida, nin na Coruña, onde se falaba de Atlantismo, sobre todo Xosé Manuel Pereiro na revista “La Naval”, que era a publicación que facían con aquel concepto de que Galicia miraba ao mar, ao océano, non á meseta, aquilo do “telón de grelos” que separaba o verxel galego da aridez mesetaria... Houbo moita retranca en todo isto. A escena galega tivo unha grande identidade. O público madrileño sabía que os grupos eran galegos: Siniestro Total é o primeiro que establece a conexión en Madrid porque Julián Hernández estudaba alí; Ordovás, que naceu en Ferrol, empeza a radialos e as súas versións sempre teñen conexións con Galicia: “Miña terra galega”, “Rock en Samil”, “Hey Hey Vigo”, “Non somos de Monforte”, “Matar hippies en las Cíes”... Hai un costumismo e unha conexión galega nas letras a todos os niveis. Os Resentidos, tres cuartos do mesmo; Radio Océano... Os grupos comezan a ter unha identidade propia, construíndo moitas veces sobre clixés anglosaxóns, pois a meirande parte dos grupos miran cara a Inglaterra e Estados Unidos, pero aquí se lles dá un toque máis costumista e cheo de retranca. Temos Golpes Bajos facendo un disco como “Santa compaña”...

 

Coa perspectiva do tempo, como valoraría aquela etapa? Hai voces que din que, a nivel xeral, se mitificou...
Hai opinións moi diversas. Hai quen a ten hipermitificada, e isto é algo que moitos outros critican: que non foi para tanto e mesmo que foi unha aposta, tamén económica, do PSOE naquel momento. Este é o primeiro libro que cobre os 80 a nivel global en Galicia; en España hai moitísimos, pero a miña conclusión é que houbo grupos (en Galicia iso non pasou) que practicamente pasaron a ser funcionarios do Estado, cunha contratación permanente e cachés elevados. O sistema, en certo modo, sempre fagocita a contracultura e iso pasa con todo: podemos mercar camisetas de Joy Division e Iggy Pop nun Bershka ou nun Pull&Bear. Con todo, eu creo que a Movida, eses focos de Vigo e Madrid, frearon e eclipsaron outras cousas.

Pogo Oceánico Total 13244174
 

Por exemplo?
Hai que ter en conta que os 80, sobre todo en Ferrol e Vigo, son anos de reconversión naval, de desemprego, de consecuencias sico-sociais, da introdución da heroína en Arousa, O Salnés, Ferrol, Monforte, Vigo... Lugares moi danados pola droga. Parece que todo foi purpurina e Bowie e ledicia, e si que o foi para moita xente, pero para moita outra foron anos moi duros. As taxas de paro en Vigo e Ferrol foron enormes. Para min era importante dar esoutra visión. A nivel cultural, a Movida eclipsa o rock radical vasco, con Eskorbuto, Kortatu; da Ruta Destroy, que logo se demoniza coa Ruta do Bacalao; a cultura de club do Balearic Beat de Ibiza que logo acabarían copiando en certa maneira en Inglaterra...

 

No que está todo o mundo de acordo é que o impacto nos medios foi tremendo, irrepetible.
Moita xente que está a ler o libro coméntame que non sabía que houbera tanto e que se silenciaran tantas cousas porque os medios eran máis poderosos que hoxe en día: había dúas canles de televisión (a TVG comezaría a operar en 1985) e para aqueles grupos que tiveron a oportunidade de ter esa amplificación a nivel nacional, como Siniestro ou Golpes Bajos, soar daquela en Radio 3 ou nun programa como “La Edad de Oro”, supoñía chegar a millóns de persoas. O impacto que tiveron estes grupos a nivel global é impensable hoxe en día: é imposible que un grupo actúe en televisión con oito millóns de espectadores. E logo hai outra cousa: a música desapareceu dos medios en gran medida. Non hai programas de variedades, agás os que se dedican a captar novos talentos, pero non como os que había antes. Mesmo a prensa especializada está en decadencia. Se cadra o único que aínda permite ver unha entrevista a un artista son os xornais. A Movida é un pouco como se vendeu desde os medios xeralistas ese movemento de Madrid e Vigo, pero os 80 foron moito máis que todo iso.

 

24 de agosto de 1984, no Parque de Castrelos en Vigo. 13243024
 

Vigo foi a referencia clara da Movida en Galicia, pero houbo algún outro lugar que lle chamara a atención pola súa efervescencia neses anos?
Penso que despois de Vigo están A Coruña e Ferrol. É certo que a Movida se viviu fundamentalmente en Vigo, pero tamén que a maior parte da xente coincide en que foi unha época de aperturismo, con personalidades que confluíron nun tempo e nun lugar, hipercreativas, e que empezan a crear produtos de todo tipo: a plástica, con Antón Patiño e Menchu Lamas, conectando con Antón Reixa, con Miguel Costas, con Julián Hernández... Parece que a Movida eran miles de persoas participando nela, pero a realidade é que comezou sendo moito máis underground. Logo houbo un medre a nivel comercial e amplificouse. Na Coruña ao mellor non hai ese concepto Movida tan marcado, pero alí están Viuda Gómez e Hijos, Radio Océano, Xavier Villaverde facendo videocreacións... Foi un punto importante. E logo para min está Ferrol porque, aínda que o que sae á luz son Los Limones –acadando en 1992 o número 1 nos 40 Principales–, aí está Terminal Norte, o grupo de Álvaro Lamas, que é o único grupo galego que gañou o concurso de maquetas da Rockdelux –Golpes Bajos gañárao cando esta se chamaba Rock Espezial–. Lamas é o introdutor da steel guitar a nivel nacional e un dos grandes músicos españois dos 80.

 

Que queda da Movida máis alá da nostalxia da xente que a viviu?
A nostalxia é importante porque para min os 80 son a época con máis rescate, non só a nivel de música. Estamos vendo constantemente “remakes” de películas dos 80, merchandising de series ou películas. Hoxe en día vas a unha xoguetería e podes atopar Play-mobil ou Lego de todo isto corenta anos despois. Queda moito: os 80 puxeron moitas pedras no camiño que seguirían moitos grupos. Ademais, en Galicia empezou a haber unha industria, estudos de gravación propios, as primeiras experiencias de selos discográficos... E quedou tamén un bo puñado de grupos como Los Limones, Siniestro Total, Aerolíneas Federales ou Golpes Bajos, que foron importantes non para unha xeración, senón para varias. E outra cousa, neste caso no apartado negativo: cada vez é máis difícil acceder a todo isto. Non hai unha preservación real, a maior parte dos discos están descatalogados hoxe en día, quitando determinados grupos, nin sequera en Spotify. A metade do que sae no libro non é accesible, por non falar dos fanzines. E iso demostra que temos un problema coa preservación do noso legado cultural. 

Fernando F. Rego: “A escena musical e cultural galega dos anos 80 tivo unha grande identidade”

Te puede interesar