Entregados os premios do certame literario da Área Sanitaria de Ferrol

Entregados os premios do certame literario da Área Sanitaria de Ferrol
Sabela Bermúdez recolle o premio como gañadora da categoría de poesía | SERGAS

A Área Sanitaria de Ferrol entregou onte os premios da terceira edición do seu Concurso Literario convocado con motivo do Día das Letras Galegas e do Libro. Sabela Bermúdez, coa poesía “Maternidade infiel”, e Pedro Manuel Beira, co microrrelato “Todas as palabras que non che dixen”, foron os gañadores dun certame no que o xurado valorou cuestións como a creatividade, a mensaxe que achega ou a orixinalidade en cada unha das modalidades.

 

III Concurso das Letras 3
Pedro Manuel Beira foi o gañador na modalidade de microrrelato | SERGAS


O xurado estivo presidido polo subdirector de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía e composto por integrantes da Asociación de profesionais da Área, Adecasfe; e polos galardoados no ano anterior en cada unha das citadas categorías.


A entrega de galardóns tivo lugar no salón de actos do Hospital Arquitecto Marcide, escenario no que se procedeu á lectura das obras presentadas e no que tamén actuou a Coral Polifónica da Área Sanitaria Ferrolá. Interpretou catro pezas, entre elas una especialmente dedicada a tódolos profesionais do sistema “trala dureza dos días de pandemia por mor da Covid”.


Quixeron ademais aproveitar este encontro para invitar aos actuais traballadores e traballadoras da Área Sanitaria de Ferrol ou aos profesionais xa xubilados a unirse como integrantes na mesma. Ensaian os venres e están dirixidos polo profesor do Conservatorio de Ferrol David Sanmartín González.


Organización

O certame literario está organizado pola Biblioteca da Área Sanitaria de Ferrol en colaboración coa Subdirección de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía; e a Asociación Deportiva e Cultural da Área Sanitaria de Ferrol (Adecasfe).


Ao mesmo podían presentarse todos os profesionais da Área que están ou estiveran a desenvolver a súa actividade en calquera dos Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada ou centros hospitalarios adscritos a ela, incluídas as empresas externas vinculadas. A temática era libre e o premio consistiu nun lote de libros para os gañadores de cada unha das categorías.

Entregados os premios do certame literario da Área Sanitaria de Ferrol

Te puede interesar