Onte tivo lugar no salón de actos Concepción Arenal da área universitaria de Ferrol a terceira edición da xornada The Future of Fashion Talent, que organiza o xornal líder en información económica do sector da moda, Modaes, en colaboración co Campus Industrial, co apoio de Cointega e o do Concello. O encontro contou con preto de 200 persoas participantes, que se interesaron polas distintas conferencias e mesas redondas nas que interviron profesionais de empresas como Inditex, El Niño, elPulpo, Flabelus, Jose Luis Joyerías ou Manpower Business Professionals.
Entre os apaixonados do mundo da moda que se reuniron onte no barrio de Esteiro, no que foi un evento aberto ao público xeral, a maioría foron estudantes do grao en Xestión Industrial da Moda e do máster en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible que se imparten no Campus de Ferrol, así como numerosos profesionais de distintos puntos de Galicia.
Sobre estas titulacións pronunciouse no acto de inauguración o reitor da UDC, Ricardo Cao, que destacou do grao o seu carácter multilingüe, “que proporciona unha sólida formación práctica e interdisciplinar para a análise e a toma de decisións en todos os eslabóns da cadea de valor da industria da moda”.
Do mesmo xeito, o máster, de recente creación, posibilita coñecementos avanzados “nos eidos da sustentabilidade e da tecnoloxía aplicada a este sector”, continuou. Nesta apertura da xornada, tamén participou a concelleira de Educación e Universidade, Patricia Cons, que convidou ao público a “aproveitar ao máximo cada momento, a faceren preguntas, compartiren perspectivas e a buscar novas vías de colaboración”.
No peche pronunciouse a delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, que destacou a consolidación deste foro na súa terceira edición, na que se avaliou a realidade e os retos do sector, así como as oportunidades que brinda en relación aos recursos humanos.
Entre as actividades ofrecéronse dúas conferencias, unha a cargo do persoal de RRHH de Inditex e outra por parte da directora de Modaes, Pilar Riaño. Ademais, houbo dúas mesas redondas, a primeira titulada “Loxística, Operacións e Finanzas: a defensa da moda” e a segunda chamada “Retail: os goleadores da moda”.