Cáritas reivindica a importancia do acceso aos dereitos básicos por parte dos migrantes

O bispo presentou a Memoria do ano pasado
Cáritas reivindica a importancia do acceso aos dereitos básicos por parte  dos migrantes
Un momento da presentación do informe, onte I Gala Polo

Hai 60 anos que Cáritas está en Ferrol e na presentación da Memoria da organización correspondente a 2024 o bispo da Diócese de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, fixo referencia á importancia que ten na sociedade actual a esperanza, que definiu como “virtude que nos anima de cara ao futuro”, especialmente nun contexto no que hai vixentes tantas “situacións de desesperanza”. 


O bispo apuntou ademais como as persoas migrantes son as principais vítimas destas circunstancias, pois ao atoparse en situacións administrativas irregulares, non poden acceder a dereitos básicos como o emprego ou a vivenda.


Nese sentido, sinalou que a taxa Arope, que mide a pobreza e a exclusión, foi en 2024 dun 18,8%, a máis baixa rexistrada ata data. Con todo, Cáritas quere precisar que isto non se traduce necesariamente nunha mellora máis efectiva, aínda que non infravalora o crecente impacto positivo das medidas sociais nos últimos anos que posibilita a baixada deste índice.

 

O acceso á vivenda

As condicións cada vez máis restritivas por parte das inmobiliarias para acceder ao sistema convencional de aluguer e adquisición de vivendas é un dos detonantes que determina a especial actuación de Cáritas neste ámbito. 


Así, Cristina Pereiro Paz, coordinadora de Acción Social da ONG, declarou que, a pesar de que o aumento de persoas atendidas foi inferior a un 2% en comparación co ano anterior, a intensidade e complexidade en canto a inversión e tempo dos procesos foi en aumento. A necesidade dun “acompañamento máis profundo e duradeiro é vital”, dixo, “especialmente en persoas migrantes en situación administrativa irregular, familias monoparentais e persoas sen fogar”, para as cales o sistema de protección social resulta “insuficiente”. 


Precisamente por estes motivos, a vivenda foi un dos ámbitos nos que se fixo máis notable este aumento da duración dos procesos, pois a organización acolleu  un total de 61 persoas en 2024 na rede de 15 vivendas repartidas pola diócese. O máis relevante desta medida de apoio é que o tempo de estancia media é de 359 días. A maior parte destas persoas son familias monoparentais e migrantes.


Cristina Pereiro subliña que cada vez son máis habituais os fogares que non reúnen os requisitos mínimos de habitabilidade, dato que denota as dificultades que poden atopar os colectivos máis vulnerables á hora de acceder a unha vivenda.

 

Un emprego digno

O emprego é outro dereito que Cáritas reivindica especialmente. En 2024 impulsou o proxecto LAR, que ademais de formación, proporciona asesoramento e coñecemento acerca dos dereitos laborais. Incide a organización en como o traballo “non garante unha saída da exclusión” e considera preocupante a situación dos traballos do fogar, fundamentalmente desempeñados por mulleres. Trátase de empregos de baixa intensidade e desenvolvidos na esfera privada. Esta última característica propicia a existencia de condicións laborais precarias ou de explotación. 


Cáritas Diocesana de Mondoñedo-Ferrol aposta, polo tanto, pola esperanza, co lema “Mientras haya personas, hay esperanza”, como di a Memoria 2024, e por levar a cabo medidas de apoio e acompañamento para contribuír a que persoas vulnerables poidan integrarse. 

Cáritas reivindica a importancia do acceso aos dereitos básicos por parte dos migrantes

Te puede interesar