Cardioloxía colocou 50 marcapasos con estimulación da rama esquerda

Cardioloxía colocou 50 marcapasos con estimulación da rama esquerda
Pablo Martínez Ramos, Manuel Barredo Armada e Sandra Rey Fariño, do equipo de Cardioloxía do CHUF | CEDIDA

O servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol colocou desde finais de 2021 medio cento de marcapasos con estimulación da rama esquerda. Trátase dun dispositivo especial posto que, polas súas características, consegue un efecto que se asemella máis ao dun corazón san que o dos demais aparatos e pode evitar que este órgano, co paso dos anos, perda forza. Por iso os seus destinatarios soen ser persoas non moi maiores, das que se prevé que vaian facer un uso prolongado del e que ademais resistan ben o proceso de colocación, que é algo máis laborioso e cun maior risco de complicacións.


Nos marcapasos endovenosos convencionais a estimulación, explican desde a Área Sanitaria ferrolá, faise habitualmente desde o ápex do ventrículo dereito (a punta ou vértice do corazón) ou dende o tracto de saída desa mesma zona. No caso dos que impulsan a rama esquerda búscase en cambio que o eléctrodo do marcapasos actúe xusto nun dos cables do propio sistema eléctrico (haz de His), en concreto o da parte esquerda do órgano. “Para iso o que facemos é penetrar a punta do eléctrodo do marcapasos no septo interventricular, a parede que divide ámbolos dous ventrículos, e por onde discorren os cables do sistema eléctrico do corazón, para tentar localizar a rama esquerda e deixalo aí implantado”, explica o cardiólogo Pablo Martínez Ramos, que forma o equipo de marcapasos do CHUF, xunto coa cardióloga Sandra Rey Fariña e o enfermeiro Manuel Barredo Armada.

 

 

Formación noutros centros


Os profesionais fixeron unha rotación por outros hospitais de España pioneiros nesta técnica para aprendela. De feito, cando comezaron a aplicala en Ferrol contaron co apoio de compañeiros doutros hospitais que xa tiñan experiencia.


Os destinatarios máis frecuentes son pacientes non moi maiores, que van ter unha porcentaxe alta de estimulación polo marcapasos ao longo dos anos, co obxectivo de que o corazón non perda forza. Este é un efecto, coñecido como disfunción ventricular, que é pouco corrente pero que pode suceder e se evita con este tipo de dispositivos máis modernos. “Tamén se está empezando a empregar en pacientes que xa teñen pouca forza no corazón por outros motivos e que no seu seguimento presentan algún trastorno do tecido de condución que requiera de implante de marcapasos, precisamente porque altera menos a fisioloxía e pode axudar en parte a recuperar, ou polo menos a non empeorar, a forza”, comenta Martínez Ramos.


No caso de pacientes de idade avanzada, debido á unha implantación máis complicada e na que se asume un maior risco, aínda que baixo, non se contempla a súa colocación salvo en casos puntuais. Porén, sempre “antes de decidir que tipo de dispositivo implantar a cada paciente realízase unha avalización individualizada de cada caso para decidir cal é a mellor opción”, apuntan os cardiólogos do CHUF. 

Cardioloxía colocou 50 marcapasos con estimulación da rama esquerda

Te puede interesar