O Camiño Inglés arranca o ano con cifras de peregrinos ao mesmo nivel que o 2022

O Camiño Inglés arranca o ano con cifras de peregrinos ao mesmo nivel que o 2022
O ano pasado batéronse as cifras de viaxeiros desde Ferrol |E.C.

As cifras de peregrinos nos Camiños de Santiago dos primeiros meses do ano soen ser as peores, debido a que o inverno non é favorable ás rutas a pé. Xaneiro e febreiro son tradicionalmente malos –hai días en que non chega á Oficina do Peregrino en Compostela ningún camiñante– pero poden dar unha orientación de como se desenvolverá o resto do ano. No caso do Camiño Inglés, en contra do que puidera pensarse ao non ser xa Ano Santo –en rigor, foi o 2021 pero o Vaticano estendeu a celebración–, as cifras en lugar de baixar, medraron.


Nos meses de xaneiro e febreiro, un total de 244 persoas (112 e 132) dirixíronse a Santiago desde Ferrol, segundo os datos que recompila a Oficina do Peregrino, que é a onde se hai que dirixir para conseguir a credencial. No mesmo período do ano pasado, este dato foi de 220 (114 e 106). Non son cifras récord, porque en 2020, que comezou con tan boas perspectivas no eido turístico, foron 314 (136 e 178) os que emprenderon a ruta desde Curuxeiras. Fóra diso, os dos anos posteriores á pandemia son os rexistros máis prometedores.


Ferrol continúa situada entre os cinco ou seis lugares desde onde os camiñantes prefiren saír. En xaneiro foi a quinta localidade de arranque e en febreiro, a sexta. Son posicións que se consolidaron nos últimos anos e que incluso se superan en meses de maior actividade, como a primavera ou o verán.


O Camiño Inglés, en xeral, incluíndo tamén o tramo que se pode facer desde A Coruña –que conta con moita menor afluencia–, foi o cuarto máis empregado ao longo deste 2023, por detrás do Francés (que lidera esta estatística, a moita distancia do resto), do Portugués e do Portugués pola costa.

 

De marca en marca
 

O comportamento turístico do Camiño Inglés durante este ano é unha incógnita, logo de que quede atrás a pandemia e ao non ser xa Ano Santo. Nos últimos tempos segue unha senda de superar os seus propios récords ano a ano. En 2022 foron case 23.000 persoas as que chegaron á Oficina do Peregrino procedentes de Ferrol. Estes 22.942 camiñantes máis que dobraban a cifra do ano anterior, que se quedaron en 10.455, aínda que, ese si, estivo marcado por restriccións sanitarias. O 2020 queda fóra de xogo (2.831 peregrinos en todo o ano) e, antes diso, en 2019, chegouse aos 15.099 viaxeiros.


A aposta das administracións por esta ruta é importante. Desde a Deputación apóianse distintas iniciativas da Asociación de Concellos. Ademais, en Ferrol estase a construír un albergue no edificio da Casa do Mar. Na parte privada tamén hai movemento vencellado a un reclamo turístico que se vai debullando durante todo o ano, con aperturas de establecementos hostaleiros que implican rehabilitacións. 

O Camiño Inglés arranca o ano con cifras de peregrinos ao mesmo nivel que o 2022

Te puede interesar