Iván Rivas volverá ser o candidato do BNG de Ferrol nos próximos comicios locais

Iván Rivas volverá ser o candidato do BNG de Ferrol nos próximos comicios locais
Iván Rivas nunha recente rolda de prensa no Concello de Ferrol | AEC-J.M.

O candidato do Bloque Nacionalista Galego para as eleccións municipais do vindeiro mes de maio será Iván Rivas Rico, actual portavoz do grupo. Así o decidiu a asemblea local por unanimidade, segundo informan nun comunicado de prensa. A formación valora “o conxunto do traballo desenvolvido durante o actual mandato co obxectivo de mudar a situación actual e mellorar as perspectivas de futuro de Ferrol” e márcase como horizonte “darlle unha solución real aos problemas que acumula a cidade”.
 

“Transformar a resignación en esperanza” está no eixo dunha “proposta política ambiciosa e realista” e coa que Iván Rivas quere situar ao BNG como unha forza de futuro, “capaz de presentar unha proposta alternativa que permita transformar Ferrol nunha cidade que mira cara adiante rompendo coas inercias do pasado”. 
 

A formación nacionalista está convencida de que se dan as condicións para poder aumentar a súa representación na corporación municipal de maneira significativa e aspira a “gañar a confianza de todas as persoas que ven no BNG a forza política capaz de liderar a transformación social, económica e urbana da cidade”.
 

Iván Rivas foi como número tres na lista do BNG ás eleccións municipais de 2011 e entrou na corporación despois da renuncia do que fora candidato e voceiro,  Xoan Xosé Pita. Foi candidato nos seguintes dous comicios –2015 e 2019– e repetirá por terceira vez coa intención de que o impulso que as enquisas lle dan ao partido para as autonómicas e incluso as xerais se reflicta tamén en Ferrol, onde o BNG, que chegou a ter a alcaldía con Xaime Bello –entre 1999 e 2003– leva desde 2007 estancado nos dous edís. 
 

Co anuncio da candidatura de Iván Rivas son dous os partidos que xa confirmaron quen encabezará a súa lista en maio. O PP presenta a José Manuel Rey Varela, quen foi alcalde entre 2011 e 2015 e que concorre por cuarta vez como líder –xa fora número dous de Juan Juncal en 2007 e concelleiro de Xuventude e Facenda no mandato de 2003 a 2007–. 
 

Agárdase que se confirme a candidatura do actual alcalde, Ángel Mato, polo PSdG-PSOE, e a incógnita é saber que acontecerá en Ferrol en Común, cuxo actual voceiro é o ex alcalde Jorge Suárez. Podemos anunciou como candidato a Borja San Ramón, que aspira ademais a liderar a formación en Galicia e que expresou o seu apoio a Sumar.

Iván Rivas volverá ser o candidato do BNG de Ferrol nos próximos comicios locais

Te puede interesar