As confrarías extraen 2.000 quilos de vieira no primeiro día de campaña

As confrarías extraen 2.000 quilos de vieira no primeiro día de campaña
Descarga de vieira no peirao de Barallobre I Cedida

As tres confrarías da ría ferrolá comezaron onte unha nova campaña de extracción de vieira que se prolongará durante dúas semanas (de luns a sábado), coa intención de, se as análises do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) o permiten, prorrogar o traballo unha terceira semana, xa en maio. Teñen un tope diario de 2.000 quilos de produto, que alcanzaron sen dificultade neste primeiro día. En total, agardan chegar aos 16.000 permitidos e, se se amplía o prazo, outros 8.000.


Esta campaña é a segunda do ano, logo da que se levou adiante en marzo, tras dous anos de prohibición por motivos sanitarios. Participan dez barcos (dous de Mugardos, cinco de Ferrol e tres de Barallobre) que desembarcan na confraría fenesa. Aí, parte da vieira queda para a súa comercialización directa co selo do pósito de Barallobre e o maior volume destínase á empresa Artesa Rías Baixas (na localidade pontevedresa de Meis), coa que os pósitos da ría ferrolá traballan por primeira vez. A compañía, con experiencia no procesamento e distribución de peixes e mariscos, vén de comezar unha liña con vieira galega.

 

O aprezado molusco bivalvo vendeuse a 4,25 euros o quilo, 
por riba do valor habitual

 

“Non é unha evisceradora nova, coñece ben o sistema e apostou pola vieira de Ferrol, que a día de hoxe é das mellores de Galicia”, explica Jorge López, patrón maior da confraría de Barallobre. Ten un gran tamaño, de forma que nun quilo caben tres ou catro pezas, e medra “nunhas condicións inmellorables”.


As vieiras vendéronas a 4,25 euros o quilo, o que mellora as condicións anteriores, cando se podían obter 3 ou 3,5. “Entendo que é bo que os compradores de fóra nos veñan mercar aquí porque lle damos un valor especial á nosa vieira e ao mesmo tempo éo para os socios e socias polo prezo”, engade López.


De feito, a vieira ferrolá ía estrear a nova liña de produto de Artesa, pero a campaña de extracción retrasouse, “por motivos alleos a nós”, recalca o patrón maior, e adiantóuselles a de Redondela.
Se as previsións das confrarías se cumpren, sería posible emprender outra campaña en setembro e outubro.

 

 

Conclusión do estudo da ría


A Mesa de Traballo da Ría de Ferrol, que analiza a súa situación e as causas da baixada de produtividade, presentará as súas conclusións mañá mércores na confraría de Barallobre.


No acto estarán presentes as confrarías, os sindicatos, a Subdelegación do Goberno, a Consellería do Mar e tamén a Estación de Bioloxía Mariña da Graña, que foi quen se encargou da investigación e que fará a presentación dos resultados.

As confrarías extraen 2.000 quilos de vieira no primeiro día de campaña

Te puede interesar