Antón Cortizas: “O xogo tradicional foise perdendo porque a rúa deixou de ser das crianzas para ser dos coches”

Publica en Embora con Andrés Meixide "Os versos da mariola"
Antón Cortizas: “O xogo tradicional foise perdendo porque a rúa deixou de ser das crianzas para ser dos coches”
Antón Cortizas, onte na rúa Dolores I Jorge Meis

A relación de Antón Cortizas –Ferrol, 1954– co mundo do xogo tradicional é aínda máis longa que co da literatura. No seu haber está a súa capacidade para fundir ambos universos e, ademais, cunha prodigalidade abraiante. O último exemplo é “Os versos da mariola”, un álbum ilustrado construído a medias con Andrés Meixide e publicado por Embora.

 

Como se xestou o libro?
É froito do “Tastarabás” e de “Chirlosmirlos” (dous traballos previos). Son versos dedicados a este xogo que en Ferrol chamamos a chapa, aínda que ten moitísimos nomes e tamén deseños. É un xogo iniciático, como un camiño de vida simbólico. A idea foi poemizar nel todos os valores do xogo tradicional.

 

Que vostede cultivou desde neno en Canido... 
Si. Na tribo que eramos da rúa Atocha levabámonos moi ben nenos e nenas e non había un que mandara sempre. Seguiamos as pautas do xogo tradicional, así que iso se botaba a sortes. 

A súa xeración, a que viviu a infancia nos anos 60, foi a última que puido gozar plenamente do xogo tradicional, do xogo na rúa? 
Non, hóuboas posteriores. Por exemplo, cando estaba dando aulas en Mugardos nos 80 un dos meus labores foi divulgar o xogo tradicional e que non se perdese. Teño unha recolleita, contada polo meu alumnado, de máis de 140 diferentes. Só en Mugardos.

 

Chama a atención a enorme diversidade que hai neste eido... 
Moita. En “Chirlosmirlos”, enciclopedia que publiquei despois, grazas a Henrique Sanfiz –chamoume para dicirme que aquel programa de radio que fixeramos nos 80 podía saír en libro–, aparecen 450 xogos diferentes. Posteriormente, en “Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais”, hai máis de 800 xoguetes. É unha riqueza espectacular. 


Como foi compilando tal riqueza?  
Comezou na infancia e no redor de Canido, con 17 ou 18 anos. Tiñamos daquela unha panda marabillosa, grazas, teño que dicilo, ás actividades parroquiais, que foron moi útiles. Fun preguntando aquí e acolá... Dentro do xogo hai variedades que nun sitio se chaman “A” e a 200 metros “B”. Enriqueceume moito a aula: tiven ocasión de poder sacar datos directos do meu alumnado de Mugardos, de Canido, de Lisboa, de Carnota... Cando decidín levalo a un libro tiven que acudir a outras fontes e botar man doutros que xa traballaran o tema. Esa compilación non inclúe as copias, é dicir, cousas que vin noutros lugares pero que estimo non son propias: coa natureza que temos ao redor construímos os nosos xoguetes.

 

Por que desapareceu das rúas? 
Porque hoxe a rúa non é das crianzas. Comezou a perderse a partir dos 80 cando as rúas foron invadidas. Xa non son da xente, son dos vehículos. Tamén a partir de aí comezaron a proliferar as pantallas. Cando eramos novos tiñamos esa ansiedade de ir ver a televisión. Con 12 ou 13 anos, intentabamos ir ao bar Fafián para ver “Bonanza”, pero tamén é certo que era o único que viamos. Pouco a pouco foi ocupando o noso tempo libre e agora é moito peor cos móbiles: antes a pantalla non a podías levar contigo; agora, si.

 

Que medidas se poden tomar para recuperar parte desa cultura lúdica perdida? 
Coido que, hoxe en día, a única salvación para a cultura lúdica sería a escola. Aquí temos o exemplo marabilloso do colexio Mosteiro de Caaveiro da Capela, exemplar para toda a península. Na escola podería recuperarse o xogo tradicional no sentido humano que ten. Por exemplo, o tirabalas non é un xoguete para matar paxaros, senón para apuntar e afinar a túa visión e a túa psicomotricidade fina, a tensión da goma... É dicir, como elemento lúdico con valores. Os xogos tradicionais son grupais, non podemos xogar sen os demais. Iso podémolo aprender, e tamén que no xogo tradicional non manda sempre a mesma persoa. É certo que había xogos aos que só xogabamos os rapaces e outros aos que só xogaban as rapazas, porque o xogo tradicional tamén transmitía os valores que lle interesaban a esa pirámide depredadora que nos ordena, pero iso pode corrixirse. Ademais, teñen moitas vantaxes, como desenvolver os movementos do corpo, axustarnos aos espazos nos que estamos, fomentar as relacións entre amigos, a habilidade manual... Ollo! E xogo tradicional non é só de nenos, tamén de adultos: mira a billarda ou a chave.

 

O profesorado está concienciado para iso? 
Parte si, pero a maioría non. Temos un currículo e parece que a billarda non a podemos incorporar á clase de matemáticas, por exemplo, pero si que se pode. A clave para o xogo tradicional é que se fomente desde arriba. 

Antón Cortizas: “O xogo tradicional foise perdendo porque a rúa deixou de ser das crianzas para ser dos coches”

Te puede interesar