Alberte Momán: “Cos anos aprendín que ese lector perfecto que todos temos en mente non existe”

Alberte Momán: “Cos anos aprendín que ese lector perfecto que todos temos en mente non existe”
En "Raro", Momán reúne vinte relatos e unha peza teatral I Adrián Ferreiro

A traxectoria literaria de Alberte Momán –Ferrol, 1976– é extraordinariamente ampla, con perto de corenta obras entre poesía e narrativa, sen contar a súa participación en volumes colectivos. A editorial Belagua presenta agora “Raro”, un libro de vinte relatos curtos e unha peza teatral escritos nos últimos vinte anos.

 

Que vai atopar o lector en “Raro”? 
Trátase de relatos que escribín durante un período moi longo de tempo, case dúas décadas, e o que quero é mostrar unha evolución. Cando se intenta crear un estilo propio, que sexa identificable polas persoas que se vaian achegar ao libro, non é dun día para outro; é un proceso no que o autor vai evolucionando e cambiando a súa forma de contar, os temas que trata ou o enfoque co que os trata... Se isto se fai a través dunha compilación de textos de distintas épocas, a evolución pódese apreciar mellor. E iso é o que quería: como foi mudando a forma de narrar, os temas, os aspectos nos que me fun centrando, os xéneros... E todo desde un punto de vista máis reflexivo. Ao comezo deixaba que o lector puidese intuír, pero despois fun elaborando máis un discurso e sendo un pouco máis explícito. 

Nese proceso, e aínda que cadaquén camiña cara a onde quere, hai algo que bota de menos daquel rapaz de hai dúas décadas? 
Pérdese esa espontaneidade, esa inmediatez, esa urxencia de cando se é máis novo, esas ganas de demostrar... Tamén é certo que a evolución se debe a moitos aspectos, como a miña propia bagaxe, que loxicamente foi medrando coas lecturas que me foron enriquecendo, pero tamén a miña relación coas persoas que me lían... Eu pensaba que todo o mundo me entendía (ri) e que ía ver o mesmo ca min, é dicir, ese lector ou lectora perfecto que todos temos en mente, pero que non existe, e ata que nos damos de conta de que non existe estamos convencidos de que a nosa forma de contar é universal e extraordinaria. Decateime de que non (ri): que a miña forma de contar non era o que eu pensaba que era. Todo ese ideal fóiseme perdendo polo camiño... Se boto algo en falta? Non, pero é certo que o que si me gustaría é ter a bagaxe que teño agora naqueles anos para detectar antes os erros que cometín ou aquela falta de comunicación co lector ou lectora. Con todo, a evolución foi positiva e, como tal, non acaba nunca. 


Co paso do tempo, un aprende tamén a facer literatura deixando á marxe ao lector? 
Cando un fai pública unha obra ten que entender que cada persoa que se achegue a ela a vai facer súa, polo tanto, a interpretación vai ser moi libre. Ás veces escribes algo tendo en mente alguén en concreto e resulta que esa persoa non o ve así. Penso que cos anos un aprende a aceptar que as interpretacións van ser moi diversas e, á hora de escribir, co tempo un se independiza, emancípase da opinión do resto do mundo. Antes de escribir penso no que quero contar, como o quero contar e cal é a miña reflexión.

 

Nese camiño por crear un estilo propio e recoñecible, é difícil abstraerse das modas do momento? 
Saírse do marco é difícil se o que pretendes é estar dentro. Non debemos esquecer que o sistema editorial é un negocio. Se non nos importa estar fóra del, é máis doado crear un mundo e un estilo propios. Se o que queres é estar dentro, é máis difícil porque os condicionantes son maiores: tes que escribir textos para un determinado público, un público maioritario ao que lle gustan determinadas cousas... No meu caso, tiven a fortuna de poder crear máis ou menos libremente dentro das miñas capacidades e de orientalo cara ao que a min me interesaba, sabendo que o que a min me interesaba era extraordinariamente minoritario. E son consciente, como exeditor, de que moitas das cousas que fixen non son doadas de colocar no mercado. 

Alberte Momán: “Cos anos aprendín que ese lector perfecto que todos temos en mente non existe”

Te puede interesar