Fene prepara xa a ampla programación que ao longo do mes de xullo leva a cabo con actividades musicais, teatrais e de ocio para toda a familia.
Co lema de “Xullo, mes da patria” terán lugar un sinfín de actividades, que arrincan xa a vindeira semana, cunha primeira cita prevista para o próximo venres 4 de xullo.
Así La Guagua será a encargada de principiar a programación cunha festa infantil con xogos de auga, e animación na praza Ramón José Souto González, a partires das 17.30 horas. Pero xa ese mesmo día, ás 10.00 horas, repartiranse na Casa da Cultura as invitacións para acudir ao espectáculo de monólogos do mércores 9, da man de Federico Pérez. Entregaranse un máximo de dúas entradas por adulto ata completar o aforo.
O martes 8, ás 21.00 horas, será o turno, na praza do CPS San Valentín, do espectáculo familiar “Historias para escagharriñarse”, de teatro Ghazafellos. Xa o mércores será o mencionado monólogo, que comezará ás 21.30 e que porá sobre o escenario o espectáculo “Xa que o sabes voucho contar (e cantar)”.
O 10 de xullo segue adiante a completa programación, a partir das 20.00 horas, no Parque Liñal do Río Cádavo, coa lectura da declaración institucional polo Día da patria, que este ano foi redactado pola fenesa Gisela Sanmartín, directora do grupo de cantareiras Xirifeiras, de Airiños de Fene e que é, ademáis, presidenta da Asociación de Tocadoras Galegas Somos Pandereteiras.
Nesa mesma xornada, ás 21.00 horas, terán lugar as dúas actuacións musicais previstas, a cargo das formacións Ulex e De Ninghures coas súas respectivas propistas “Lonxe de ti” e “Feira”.
Para rematar o Xullo da patria, Fene proxecta para o venres 11, ás 20.30 horas, música de coral e rondalla, da man de Estrelecer (CMI) e Agarimo de Sillobre, que actuarán no tradicional festival de Habaneiras e Canto Coral, que se cleebra todos os anos na praza do alcalde Ramón J. Souto González.