A praza do alcalde Ramón J. Souto de Fene acolleu este martes a inauguración da exposición itinerante “Sinaladas. A loita das mulleres no século XX: cen anos de conquistas e represión”. Até o día 29, pódese coñecer a historia de persoas pioneiras e reivindicativas como as cigarreiras coruñesas ou o motín do Arsenal de Ferrol.
“É un orgullo iniciar o percorrido desta exposición en Fene e falar da historia das mulleres nun concello que acaba de facer historia por ter, por primeira vez, unha alcaldesa”, indicou Sol Agra, deputada de Igualdade, que interveu no acto coa de Plans Provinciais, Cristina García; a rexedora Sandra Permuy e o concelleiro de Cultura, Justo Ardá.