Verónica Martínez afonda na temática de xénero en “Refuxio”

Verónica Martínez afonda na temática de xénero en “Refuxio”
ATENEO ALBERTE MOMÁN

A escritora de Valdoviño Verónica Martínez Delgado segue nun período de fecunda creatividade e achega ós lectores unha nova proposta poética, “Refuxio”, que edita Toxosoutos na súa colección Nume. Continúa coa temática de xénero e “afonda nas consecuencias da violencia, liberándose dos golpes aos poucos, coas feridas abertas aínda supurando, pero coa vontade necesaria para non sucumbir diante do silencio”, apunta a autora.
A obra conta cunha portada feita polo debuxante David Pintor e cun prólogo do ferrolán Alberte Momán.
“Un refuxio é unha construción que libera da opresión do mundo, pero non sempre como ferramenta de evasión”, apuntan na presentación editorial. “Un refuxio pode ofrecernos ao mundo dunha outra forma, establecendo unha relación de superioridade fronte á dor. Un acubillo que remexa até os alicerces para trousar a dor fóra, traela á fronte e cubrir os ocos que ela foi deixando no noso interior, cun alento que dea pulo ao novo nós que abrolla. E que utilice esa mesma dor, que fica fóra, á vista, para sinalar o silencio culpable, a man que agrede”.

obra reunida
Verónica Martínez vén de publicar en Amargord Ediciones unha edición bilingüe en galego e en español de toda a súa obra poética. “Obra reunida, 1994-2008” recolle os seus libros en verso desde o comezo da súa carreira na escrita e tamén unha peza nova. Son sete traballos presentados co prólogo de Luis Luna, coordinador da edición.
Tamén en 2013 editou “Cartapedra” na editorial madrileña Lastura e en O Figurante Edicións (proxecto do ferrolán Alberte Momán) viu a luz “Lusocuria” en 2012. É unha etapa de intensa actividade editorial, pois os seus poemarios anteriores son de 2001 e 2002 (“Desterrada do meu corpo” e “Deshabitada e sen verdugo”), aínda que desde entón seguiron sendo frecuentes as súas aparicións en volumes colectivos, antoloxías e actividades poéticas.

Verónica Martínez afonda na temática de xénero en “Refuxio”

Te puede interesar