A escritora María Rosa Lojo reivindicou, no seu ingreso na Real Academia Galega (RAG), a significación dos galegos na construción da identidade arxentina.
Unha das voces máis recoñecidas das letras galegas arxentinas contemporáneas, Lojo leu este mércores o seu discurso de entrada na RAG como académica de honra.
A autora, nacida en Buenos Aires en 1954, é filla dun home de Boiro e dunha nai castelá, polo que se definiu no seu ingreso como "unha galega filla" e "unha exiliada filla".
"Son unha galega filla. Unha exiliada filla. As redes afectivas e intelectuais da emigración nunca se cortaron", expresou Lojo, quen incidiu tamén en que a literatura require "unha posición primaria de escoita".
"Somos apenas unha canle", dixo ao situar aos escritores como aqueles que trasladan a "voz colectiva". Así o expuxo nun acto no que o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, foi o encargado da contestación en nome da institución.
Explicou que espera que o seu ingreso na Real Academia Galega sirva para desenvolver "unha función especialmente fermosa" dado que serve para "entrelazar mundos e reunir horizontes" nunha tarefa "pluriterritorial" vinculada á literatura.