Francisco Castro dimite como director xeral de Editorial Galaxia

Francisco Castro dimite como director xeral de Editorial Galaxia
Francisco Castro / Patricia G. Fraga

"Hoxe, 18 de setembro de 2023, presentei a miña dimisión como director xeral da Editorial Galaxia onde entendín que non podo continuar despois de que a empresa, a través do seu presidente e conselleiro delegado, se negasen reiteradamente durante os últimos dez días a emitir un comunicado que desarmase as acusacións contra a editorial publicadas no xornal Praza Pública no contexto dunha entrevista cun dos nosos autores". Así inicia Francisco Castro o comunicado a través do que fai pública a súa marcha da editorial despois da polémica iniciada polas críticas verquidas contra el polo escritor Alberto Ramos, que a través dunha entrevista se queixaba de varios problemas xurdidos con Castro durante a súa relación profesional a través dun premio literario. 

 

"Coido que non ten sentido permanecer á fronte dunha empresa que decide moi conscientemente non defender en tempo e forma a súa imaxe ata agora impecable, o seu enorme prestixio e, sobre todo, a honorabilidade e dignidade do traballo das demais empregadas e empregados, publicamente cuestionadas", critica Castro, que tamén se queixa de que dende a empresa se "afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política publicamente recoñecida mesmo con anterioridade ao meu nomeamento como director xeral".

 

Con todo, Castro marcha da editorial defendendo a súa base: "Galaxia é moito máis que as persoas que a lideran. É un soño colectivo iniciado en 1950 por un monllo de loitadores e loitadoras antifascistas que consideraron que a cultura podía ser unha inigualable munición contra o totalitarismo, e que, ademais, puxeron ese nobre obxectivo por diante dos seus intereses persoais. Se eses valores se esquecen e se cuestionan desde o propio corazón da empresa, non ten sentido que eu me manteña á súa fronte, e quizais a mellor maneira de loitar por eles sexa preservar todo iso que está na esencia de quen eu son e que tanto semella molestar: un escritor e un activista da nosa cultura que seguirei defendendo o ideario fundacional de Galaxia alí onde a vida me leve".

Francisco Castro dimite como director xeral de Editorial Galaxia

Te puede interesar