“Aos 145 anos do nacemento desta mítica artista, última das mulleres no cantar dos nosos cegos”.., escribe Ricardo Polín nun testemuño cargado de cariño, respecto e gratitude: ‘Dolores, a cega de Miranda na súa noite máis clara’. Deputación de Lugo, 2025. 155 páxinas). Intérprete virtuosa do violino e capaz de improvisar coplas en función das diversas situación, dona Dolores Gómez Lage dedicou a súa vida a levar alegría aos demais. Unha vida de sacrificio, pequenas recompensas e abondosos desprezos: “Son a cega de Miranda, todos me mandan tocar, pero non hai un que diga: ‘Cega, voute convidar…”, aproveitándose da súa arte sen afrouxar o peculio. Dando tanto por tan pouco.
Cada ano, a noria dos días ía establecendo festividades e celebracións. Dolores non faltaba ás romarías de Pedrafita, a finais de setembro, nin á do Santo Alberte, en Guitiriz, avogoso para a fala. En Romeán paraba cabo da señora Manuela, da Casa de Rego; e con chuvia ou con sol, o 13de cada mes tocaba en Adai nos pendellos das polbeiras e nas tabernas: ”Á feira do día 13/ a Cega non pode faltar,/ para que a xente do Corgo/ lle sente ben o xantar”. Aproveitaba, de paso, para saudar os seus amigos Ricardo e Avelina, compañeiros de fatigas, que andaban polas portas, cunha burriña, cantando coplas e tocando a pandeireta. “Cantadoras de soños e realidades non sabidas, espalladoras de noticias e sucesos”, en palabras do prologuista, Baldomero Iglesias”, durante séculos cegas e cegos copleiros foron presenza habitual nas feiras, festas e romarías de Galicia; figuras sinxelas pero esenciais na transmisión oral da cultura. Privados da vista, lonxe de se renderen ao infortunio, percorrían vilas e aldeas ofrecendo as súas cantigas e romances. Acompañábaos un axudante –no caso de Dolores, os seus homes; casou tres veces– que os guiaba e colaboraba na venda dos “pregos de cordel”, follas voandeiras con historias truculentas de crimes, milagres de santos, desastres e feitos extraordinarios que espertaban o morbo ou a devoción dos ouvintes.
Poetas populares, no ronsel dos vellos trobadores, gañaban o pan en arduas camiñadas pasando frío, calamidades e respondendo ás humillacións con paciente indiferenza. Nunha Galicia empobrecida, marcada pola emigración, o analfabetismo e a inxustiza social, a súa voz convertíase nunha expresión de crítica e de humor. Vítimas do desprezo institucional, ignorados polas elites culturais, os cegos padeceron o peso dunha marxinación imposta. Porén, en cada verso lanzado ao aire nun adro ou nunha taberna, deixaban unha pegada na memoria colectiva.
Agora, nun encomiable esforzo por rescatar e dignificar a súa figura, por tantos conceptos admirable, Ricardo Polín dedícalle un documentado estudo á señora Dolores, A Cega de Miranda, reivindicando o valor artístico e humano do seu legado. Un legado de xenerosidade, sacrificio e resistencia.
“Morrerei calquera noite/coa miña noite máis clara; quizá no cumio dun monte /e os corvos faranme a cama”. Os “corvos” son os curas? Non sabemos. O que sabemos é que o deceso foi en Albeiros, Lugo, onde repousa “tan discreta como honrada” no cemiterio parroquial. “Na noite máis clara”, porque logo dunha longa vida de 97 anos a escuras, albiscou, á fin, no outro lado, a luz que se lle negou neste.