Antón Vidal | “O concepto, a idea de Galicia do grupo Galaxia é o que sempre nos uniu e o que nos supera”

Antón Vidal | “O concepto, a idea de Galicia do grupo Galaxia é o que sempre nos uniu e o que nos supera”
Vidal conversa co concelleiro de Cultura de Ferrol, Ponte Far, na inauguración | D.A.

Galaxia está a celebrar este 2025 os seus primeiros setenta e cinco anos de vida, unha bagaxe que ten convertido este axente cultural, no sentido amplo do termo, nunha peza imprescindible da historia recente de Galicia. Antón Vidal Andión –Pontevedra, 1948– é o seu presidente e testemuño privilexiado dun proceso complexo que, subliña, sorteou todas as dificultades pola fe inquebrantable na idea suprema que o alumeou.

 

Que balance se pode facer dos 75 anos de Galaxia?

Galaxia é moito máis que o que significa unha sociedade mercantil. Os promotores utilizaron este instrumento porque non estaba sometido á aprobación gubernativa, pois nunca lles terían deixado facer nada que non tivese esa forma. Tomaron a decisión de que o mellor para protexerse era esa. Quen transmitía moi ben esa idea era Xaime Isla: precisabamos podernos reunir sen grandes perigos. Aínda así, Galaxia sufriu a censura. Hai que partir dunha idea: todos os compoñentes do primeiro consello de administración non eran nin máis nin menos que o comité do Partido Galeguista na clandestinidade, reconstruído en 1947. Eles conformaron o primeiro Instituto da Lingua, logo lanzaron o Día das Letras, renovaron a Academia durante a ditadura e foron cubrindo as necesidades. Foi unha estratexia moito máis completa do que moitas veces cremos, pois estaban pensando en preparar o país para a chegada da democracia. No momento en que viron que o réxime estaba xa consolidado tras acadar esa “normalización” internacional, centráronse en como preparar o país para ese novo escenario.

Diario de Ferrol 2025 07 27 024 436c1bc1 copia
Del Riego foi, para o presidente actual, o “gran executor” de Galaxia | CEDIDA

 

Non é só un proxecto editorial, pois ao seu abeiro impulsáronse moitas outras iniciativas...

Si. Hai cousas das que se fala menos. Por exemplo, a Revista de Economía de Galicia. Eran conscientes de que había que estudar un país que en 1958 era eminentemente rural, no que case o 80% da poboación vivía nese medio. Publicouse durante 10 anos e desapareceu porque Galicia xa tiña unha Facultade de Económicas. Era o momento d’O atraso económico de Galiza, aquel libro que tanto pesou en todos os que hoxe somos vellos e daquela eramos novos. Ese foi un paso, pero déronse outros. Había que dotar a Galicia dunhas institucións máis ou menos necesarias dentro dese marco constreñido que era a ditadura, e dese xeito en 1963 crean algo importantísimo e que moitos seguimos denominando Biblioteca Nacional de Galicia, que é a Fundación Penzol. Hoxe anda nos 47.000 títulos só sobre Galicia. Ese mesmo ano levaron á Academia a aprobación do Día das Letras Galegas, co que se pechaba dalgunha maneira a estratexia de defensa da lingua. Tamén a Fundación Otero Pedrayo como símbolo de galeguidade, xa que foi a ponte entre a Xeración Nós e a Xeración Galaxia, ou a Fundación Isla Couto. Ese grupo impulsor foi desenvolvéndose cunha estratexia que aproveitou as posibilidades que deu o réxime. O plan de estabilización de 1959 obrigounos a mudar totalmente as perspectivas. Houbo daquela unha xuntanza en Santiago cun membro do Partido Galeguista de Arxentina na que presentaron sete grandes ideas de transformación do país e da cultura galega, e foron cumpríndoas pouco a pouco ata a chegada da democracia, que abre outra perspectiva para Galaxia. Sen perder o espírito fundacional de penetrar na conciencia das xentes a través dunha serie de textos, o gran cambio dáse cando se conforma unha organización administrativa que ten as competencias de cultura. É entón cando nos adaptamos a este novo escenario de recuperación do autogoberno, pero sempre atentos ás posibilidades de crear conciencia e masa crítica arredor do ensaio, a historia etc.

 

Ese posibilismo no que sempre se moveu Galaxia, seguramente a única estratexia posible nunha ditadura, supuxo unha barreira para unha parte da poboación que tiña conciencia galeguista?

Galaxia é unha excepcionalidade en si mesma. Quizais non haxa en todo o Estado unha formulación deste tipo. Crearon unha empresa que tiña un consello conformado polo Partido Galeguista na clandestinidade, pero eran moi transversais, tremendamente transversais. Uníaos unha cousa: a loita contra a ditadura e tal foi así que, cando chega a democracia, algúns deles optan por políticas partidistas moi diferenciadas entre elas. E esa era a chave de Galaxia: manter a unidade a través da idea ou o concepto de Galicia, e iso únenos e supéranos tamén agora ao consello actual. Os membros do consello nunca cobraron, nunca se repartiron dividendos tampouco, e esas excepcionalidades mantéñense desde o inicio.  Non era, dende logo, o concepto dunha sociedade mercantil ao uso. Era unha organización mercantil ao servizo dunha idea, que é o que segue sendo hoxe en día, aínda estando noutro panorama porque quen ten as competencias é o pobo galego a través da Xunta. Que non puideron ser representativos de todo o espectro galeguista? É normal. Eles procedían duns contextos sociais diferenciados que se foron dando e, loxicamente, dentro diso tamén houbo diferenzas.

Diario de Ferrol 2025 07 27 024 43697616 copia
A mostra “Crear Porvir” pódese visitar agora mesmo na sede ferrolá de Afundación | D. ALEXANDRE

 

A revista Grial é outro dos produtos senlleiros, eternos, de Galaxia.

Os promotores xa o viviran coa revista Nós e no ano 1951 quixeron sacar unha publicación, pero só puideron editar catro números antes de que lla pecharan. No ano 63, logo dos cambios que se produciron na ditadura, logran sacar adiante Grial, que é unha das revistas máis importantes: xa leva 244 números e máis de 4.200 subscritores. Volvendo ao anterior, eu non teño coñecemento desde que estou en Galaxia de que se negase a publicación dalgún libro que a dirección literaria crera que reunira as condicións de calidade.  

 

 

Se preguntas por persoas esenciais, eu falaría do triángulo formado por Ramón Piñeiro, Xaime Isla e Paco del Riego

 

En proxectos colectivos coma este é máis difícil identificar, pero cal foi a persoa esencial nestes 75 anos de vida de Galaxia?

A maior centralidade dáse no primeiro consello de Galaxia. Eu falaría do triángulo formado por Ramón Piñeiro, Paco del Riego e Xaime Isla Couto. Encárganse de tres cousas moi diferentes: Ramón era un diésel, un home reflexivo; Xaime era un enxeñeiro de ideas, creativo (a el débeselle o logo marabilloso de Galaxia, o nome ou o feito de que se acomodase a unha sociedade mercantil); e Del Riego definía moi ben, era o que executaba, foi xerente dunha empresa que Galaxia se viu obrigada a constituír, Gráficas de Galicia, porque tiña que empezar a imprimir os seus propios libros. Del Riego foi o gran executor. Tan pronto chega a democracia, eles conectan con determinadas ideoloxías e mesmo participan na fundación de partidos, pero sempre hai algo unitario en todos eles e tamén agora en todos nós, que é esa idea, ese concepto de Galicia que nos supera a todos e que fai que isto se manteña 75 anos malia pasar momentos complexísimos, non só pola persecución na ditadura, senón tamén de índole económica. Galaxia é un milagre: Pode facer unha política de seu sen grandes riscos no mercado, pois non hai que esquecer que o mercado ten grandes riscos. Mira: a estatística di que só o 5,7% dos galegos le habitualmente en galego. E iso é unha lousa. Nos últimos anos estamos a editar unha media de 120 títulos anuais, é dicir, un cada tres días. A literatura hoxe en día é moi efémera, tamén en castelán. A duración dun libro son oito ou nove meses.

 

Que é o que se está a facer mal para que haxa menos dun 6% de persoas que lean habitualmente en galego?

Algunhas cousas. Politicamente, a chegada da autonomía tivo as súas dificultades que provocaron que a sociedade non tivese un compromiso moi alto coa autonomía, e iso arrastrou tamén á lingua. Socioloxicamente, este é un país que pasou en pouco tempo de ser rural a urbano. Eu entendo que aínda non fomos quen de xerar una auténtica cultura urbana, fóra de determinados grupos. Outra pesa é a falta de coñecemento sobre o galego. A preocupación dos impulsores foi darlle categoría e, de feito, iso está máis que normalizado –temos tres Facultades  de Filoloxía–, pero non está conquerida esa relación de amor polo idioma, do idioma como manifestación íntima. Noutros sitios si o teñen logrado, como en Catalunya –que sempre foi un idioma da burguesía culta, pero en Galicia a burguesía aínda está ao mellor por definir– ou en Euskadi, polas súas peculiaridades, e cun sentimento nacionalista moi importante. As dúas, ademais, lograron ter goberno autonómico durante a II República, pero en Galicia ese proceso interrompeuse. Ás veces non valoramos suficientemente o noso, e non só na lingua e, sen embargo, nunha enquisa recente dicíase que o sentimento de comunidade diferenciada é máis enraizado en Galicia que en Catalunya. E logo hai que dicir tamén que ás veces houbo unha política errónea por parte dos responsables públicos. Cando inauguramos a primeira exposición de “Crear Porvir” dixen que a política lingüística ten que ser de todos pero con maiúsculas, e non a temos, a pesar de que hai unha lei de 1983 que pode cubrir a necesidade dunha normalización; o problema é a aplicación da norma. 

Diario de Ferrol 2025 07 27 024 43657d87 copia
Antón Vidal
 

Antón Vidal | “O concepto, a idea de Galicia do grupo Galaxia é o que sempre nos uniu e o que nos supera”

Te puede interesar