A Xunta adxudica o proxecto de ampliación do CPI As Mirandas

A Xunta adxudica o proxecto de ampliación do CPI As Mirandas
Na imaxe, o Centro Público Integrado As Mirandas, de Ares, obxecto desta reforma que chega unha década despois | AEC/J. meis

A Xunta de Galicia investirá arredor de 2,5 millóns de euros na ampliación do Centro Público integrado CPI As Mirandas de Ares. Neste momento, como informan desde a administración autonómica, xa está adxudicada a redacción do proxecto básico e de execución para a ampliación e rehabilitación deste centro educativo, por case 87.000 euros.
 

Tal e como explicou o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Manuel Vila, “esta tramitación é posible unha vez o Concello de Ares cedeu á Xunta os terreos precisos para realizar esta actuación, coa que o Goberno galego estaba comprometida desde hai tempo”, apuntou. Segundo informan, o goberno municipal “cedeu un terreo que anexiona ao centro e que permitirá a construción dun aulario de Infantil”. Así mesmo, explicou que “quedan pendentes os servizos de alumeado, telefonía e rede de sumidoiros, que debe garantir o Concello”.
 

Neste espazo a Consellería de Educación vai crear seis aulas novas de Infantil e unha aula de psicomotricidade e prevese, ao mesmo tempo, a rehabilitación integral da totalidade do actual edificio de Primaria. En función do seu estado, as actuacións de rehabilitación incluirían tamén melloras na cuberta e no illamento, así como a renovación da carpintería exterior e das luminarias, entre outras actuacións.
 

O secretario xeral técnico precisou que “estas obras enmárcanse ademais no compromiso da Xunta de Galicia por adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas de futuro”. Deste xeito, o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta do Goberno autonómico para adaptar as infraestruturas educativas ás novas necesidades educativas, de sustentabilidade e técnicas do século XXI, chegará tamén ao que é o único centro educativo do Concello de Ares, como aseguran desde o devandito departamento autonómico.
 

Con respecto a este asunto o BNG obtivo onte o compromiso do Parlamento para que as obras no centro comecen á  maior brevidade. Lembran que a actuación conta con convenio sen executar desde o ano 2012 e que, maila o acordo unánime do Parlamento impulsado pola formación nacionalista en 2021, a ampliación segue sen realizarse.
 

“Estamos a falar dunhas obras que eran necesarias xa no ano 2008, cuns barracóns que aínda seguen no patio do centro educativo para vergoña de propios e alleos”, recriminou o deputado ferrolán Ramón Fernández, quen incidiu en que o Goberno do PP ten a “oportunidade” de dar inicio a uns traballos indicando “a que partida concreta dos orzamentos vai, porque a estas alturas o persoal do centro xa anda falto de confianza”. Os citados barracóns que levan 10 anos sendo ocupados por varias xeracións de nenas e nenos, “actualmente 2 grupos de 3 anos de 12 crianzas cada un”, criticou.
 

O BNG lembra que á fín se dea inicio aos traballos para resolver unha situación  que se demora máis de 10 anos.

A Xunta adxudica o proxecto de ampliación do CPI As Mirandas

Te puede interesar