Un roteiro amósalle ao visitante parte da memoria litoral da vila cedeiresa

Un roteiro amósalle ao visitante parte da memoria litoral da vila cedeiresa
O proxecto “Cedeira Mariñeira” ten entre os seus obxectivos poñer en valor o labor e a memoria pesqueira e marisqueira da vila a través de dúas rutas tematizadas

O proxecto Cedeira Mariñeira ten como finalidade principal valorizar o labor e a memoria pesqueira e marisqueira a través da creación de dúas rutas nas que se resalten as infraestruturas, os enclaves e colectivos que protagonizan a actividade no mar.


Así, na elaboración destas rutas tematizadas para promocionar o patrimonio mariñeiro da vila, tanto material como inmaterial, leváronse a cabo labores de recollida de datos por varias vías diferentes. Por unha parte, fíxose un estudo das zonas potenciais polas que poderían discorrer as rutas, para valorar o seu estado, a súa adaptabilidade e a viabilidade do percorrido. Deste xeito puidéronse marcar os tracks que compoñerán estes itinerarios que se poderán realizar tanto a pé como en BTT. 


Por outra parte, como apuntan desde a administración local, realizouse unha recollida de información a partir de entrevistas a algúns dos colectivos profesionais claves neste territorio. Así púidose coñecer máis sobre a historia e os oficios que caracterizan o litoral e elaborar o relato que conformará as rutas.


Unha vez feita a documentación previa e traballado o territorio, realizouse o deseño dos percorridos e dos contidos informativos que as acompañarán. O resultado son dúas alternativas circulares nas que se traballan en dous espazos moi importantes do municipio. Unha ruta urbana de baixa dificultade (duns 6 quilómetros) na que se repasa a historia mariñeira da vila, pasada e presente, a través de puntos clave como o porto, a lonxa ou o casco histórico. 


Tamén se deseñou unha ruta litoral na que desprazarse polas panorámicas da contorna da serra da Capelada que reflicten outra gran parte dos oficios e a actividade no mar. Esta última presenta dúas versións, unha máis curta (algo máis de 7 quilómetros) na que ir bordeando toda a serra e unha versión máis longa (9,5 ), na que se pode baixar ata o núcleo de Santo André de Teixido antes de volver ao punto inicial.


As dúas rutas contarán cun perfil en Wikiloc no que estarán dispoñibles os datos máis relevantes para a súa realización: lonxitude, duración aproximada do percorrido, nivel de dificultade, desniveis, altitude e información sobre os puntos máis relevantes que se visitarán, así como fotografías destes enclaves.


Así mesmo, estes itinerarios subiranse á web de turismo municipal, na que se atoparán os enlaces ao perfil en Wikiloc, a información sobre os puntos que se visitan na ruta, audios en tres idiomas (galego, español e inglés) que farán máis accesibles os contidos e dúas videotestemuñas protagonizadas por dous dos colectivos profesionais do mar explicando os seus oficios.


O proxecto, denominado “Definición, deseño e implementación de rutas tematizadas para a promoción do patrimonio mariñeiro do concello de Cedeira. CEDEIRA MARIÑEIRA” está impulsado por parte do Concello local e conta co respaldo do GALP A Mariña-Ortegal e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP). 

Un roteiro amósalle ao visitante parte da memoria litoral da vila cedeiresa

Te puede interesar