O Martino, un ‘toldo’ sobre rodas que chega para revolucionar os eventos da comarca

O Martino, un ‘toldo’ sobre rodas que chega para revolucionar os eventos da comarca
“O Martino” nun dos últimos eventos da contorna | Cedida

Todo comezou cunha idea entre amigos. Tino Fernández e Omar Veiga, dúas caras recoñecidas na hostalaría das Pontes, levaban tempo dándolle voltas á súa pretensión de achegar aos eventos e festas da contorna un servizo diferente e novidoso.


O ano pasado decidiron poñerse mans á obra e atoparon “a xoia da coroa”, unha infraestrutura que transformaron con mimo e ilusión para crear “O Martino”. “Mercámola e reformámola con profesionais: decoradores, técnicos de son e iluminación... fómola encamiñado cara onde nós queríamos e lográmolo”, comenta Fernández.


Trátase dunha cafetería-bar pub-disco móbil sobre rodas que xa triunfa polas comarcas de Ferrolterra e Lugo. Sacárona á rúa o pasado mes de maio e, en pouco tempo, xa se foi gañando un oco no mundo das celebracións populares. “A verdade é que está funcionando moi ben. É como un chanzo máis dentro do que hai no mundo dos eventos. Naqueles sitios aos que estamos a ir xa nos piden que volvamos o ano que vén. E iso é moi bo sinal”, comenta o hostaleiro pontés, que rexentou durante anos o establecemento familiar O Marbella –onde Veiga tamén traballou como camareiro–.

O MArtino 3
Slogan que figura na infraestrutura que deseñaron Tino Fernández e Omar Veiga | Cedida

“O Martino” é un espazo híbrido que combina a experiencia dunha cafetería –con todos os servizos básicos de cafeteira, lavalouzas, tirador de cervexas, conxelador...– cunha versión de discoteca móbil, cun sistema de son e luces robotizadas. “Ten unha iluminación nocturna moi guapa, que fai festiña”, comenta Fernández, engadindo que “poñemos a bailar á xente e estase moi a gusto”.


A súa experiencia no sector –“levamos toda a vida na hostalaría e defendémonos”, sostén o pontés– permítelles coñecer aquilo que demanda a xente. “Onde podemos, porque depende do espazo, montamos unha terraza con atención nas mesas”, comenta en relación a unha das cuestións que máis chama a atención sobre este peculiar “toldo”. Tamén serven tapas, teñen calefacción e dispoñen de banquetas na barra. “Dentro deste mundo non coñezo ningunha infraestrutura así; vai un chanzo máis alá”, remarca orgulloso Tino Fernández.


Nestes días estarán nas festas na honra a San Antonio da parroquia somocense de A Toca, pero haberá moitas oportunidades para coñecer este novidoso servizo, xa que “desde agora mesmo e ata a última fin de semana de setembro temos, de momento, soamente dúas datas libres. Incluso temos reservas para os meses de outubro e novembro”, comenta o hostaleiro pontés, incidindo en que “estannos a chamar seguido pero non damos cuberto todos os eventos. Non nos podemos dobrar”, expón. 

O Martino, un ‘toldo’ sobre rodas que chega para revolucionar os eventos da comarca

Te puede interesar