Zålomon Grass e Alpargata, no “cartelazo” que recupera a esencia do Discalz@s en Cedeira

O festival volve ofrecer os concertos gratuítos e un espazo adicado especialmente aos máis pequenos
Zålomon Grass e Alpargata, no “cartelazo” que recupera a esencia do Discalz@s en Cedeira
A banda viguesa Zålomon Grass acaba de publicar o seu videoclip “Ruins of the Modern Past” | CEDIDA

A Asociación Cultural Discalz@s Polo Festival volve ás súas orixes este ano, ofrecendo concertos totalmente de balde nun formato máis próximo para a súa XI edición, que se celebrará o sábado 2 e domingo 3 de agosto en Cedeira. O cartel está integrado por proxectos musicais de estilos moi variados nos que o denominador común é a festa que arman. A primeira confirmación foi o afrobeat de MaCheta Supah Sound e a derradeira o rock de PechaBares, unha das tres bandas da vila participantes que poñen de manifesto o compromiso da organización cos artistas locais.


Un dos platos fortes foi o segundo en anunciarse: os vigueses Zålomon Grass farán unha parada na Praza da Revolta o sábado, onde terá lugar o festival, dentro da súa xira nacional “Trouble in Time”. Coma sempre, o trío levará o disco físico á súa actuación, que achegará ás propostas rockeiras a nota psicodélica.


Dende Madrid chegarán as dúas seguintes. Por unha banda, Sobrinus inclúe Cedeira como un dos destinos de todo o territorio estatal nos que celebra o seu 30 aniversario. Os asistentes poderán escoitar, por primeira vez na vila, as melodías nas que se mestura funk, jazz, punk e rock cun resultado no que seguro será difícil resistirse a bailar.


Por outro lado, tamén entrará en escena Alpargata, un grupo que vén do mundo underground disposto a facer saltar co seu xenuíno latin freak. Ao longo dos seus catro traballos discográficos, o proxecto transitou por unha enorme diversidade de estilos como son a rumba, afrobeat, rock progresivo, jazz, ska, cumbia, folclore español e punk.


O dúo Grampoder, de Santiago de Compostela, ofrecerá un dos seus potentes directos nos que exhibe as súas características melodías de folk psicodélico e hardcore “comeflores”.


Xunto a PechaBares, a división de orixe local tamén está integrada por Carta Suicida, unha agrupación de auténtico punk que vén de lanzar o seu disco “Suficiente pra matarte” e do que a organización destaca a súa actitude “sexpistoliana”. Para rematar coa tríada cedeiresa que actuará no Discalz@s Polo Festival 2025, quen non coñeza a Salty Roots sorprenderase de seguro coas dúas voces e a “big band” deste proxecto.

 

O público miúdo terá os seus propios motivos para asistir

Este ano, o festival volve apostar pola iniciativa dos Discalziñ@s, unha proposta na que serán protagonistas Uxía Lambona e a Banda Molona. Os máis pequenos disporán dun espazo de seu para disfrutar coas cantigas que achega este proxecto musical dirixido ao público familiar. A agrupación reinterpreta temas tradicionais en propostas como “A Carolina rapeada” ou “O Jato rockeiro”, que se presentan dun xeito participativo.

Zålomon Grass e Alpargata, no “cartelazo” que recupera a esencia do Discalz@s en Cedeira

Te puede interesar