Distintas compañías de referencia a nivel autonómico citaranse entre o domingo 3 e o sábado 9 de agosto na XLVII Mostra de Teatro Galego, que este ano ofrece un total de 14 representacións no concello de Cariño. Algunhas novidades desta edición son a variedade da programación, que inclúe espectáculos de danza contemporánea e circo, e a aposta pola inclusividade.
Teatro del Andamio, Malasombra Producións, Ghazafelhos ou Grupo Chévere son parte dos protagonistas, e precisamente este último por partida dobre, xa que será un dos galardoados nos Premios do Público da edición de 2024, na categoría Adulto. Na sección Infantil, recoñecerase á Compañía Píscore.
A contribución do deseñador Borja Guerrero, autor do cartel deste ano, destaca por amosar na súa creación “a esencia dunha cita tan importante para nós”, sinalou a alcaldesa de Cariño, Ana María López, na que “seguimos apostando polas raíces, por Galicia, con tintes actuais e modernos”. Do mesmo xeito, a rexedora agradeceu o apoio da Deputación e da Axencia Galega das Industrias Culturais –Agadic–.
O espectáculo que serve de antesala oficial da Mostra de Teatro Galego, que se levará a escena o sábado 2, constitúe unha das innovacións. Esta é a primeira vez que se inclúe no cartel un grupo amador local, como é a mocidade participante nas actividades extraescolares municipais, baixo a dirección do recoñecido actor Pepablo Patinho, da compañía Ghazafelhos.
Nesta convocatoria ofreceranse funcións accesibles e para todas as xeracións, tanto en espazos pechados como ao aire libre. Así, o encontro volve chamar aos públicos familiares e de adultos para aproveitar unha proposta comprometida coa inclusión, xa que contemplará representacións en lingua de signos e co protagonismo de artistas con discapacidade.
Tras o acto inaugural, o domingo 3 de agosto na Praza da Pulida, comezará a XLVII edición cunha primeira xornada con actuacións de balde. Ás 13.00 horas, Pedras de Cartón representará “Moby Dick” para todos os públicos, e ás 21.00, a compañía de danza Fran Sieira ocuparase de “Un baile ceibe”, baseado no tradicional galego.
Os seguintes encontros trasladaranse ao auditorio municipal. O luns 4, ás 12.00, Teatro Ghazafelhos e Magín Blanco propoñerán ás familias “A nena e o grilo camiño das cores”, con pases a 1,50 euros. Pola noite, ás 22.00, e para todos os públicos, subirá ao escenario Malasombra Producións con “Testosterona”, a 6 euros.
Estes prezos manteranse durante o resto do festival, a 1,50 euros ao mediodía e a 6 polas noites, salvo no día de clausura, o sábado 9, que volverán a ofrecerse dúas propostas gratuítas na Praza da Pulida, neste caso de circo. Ás 12.30 horas, Zirko Txosko virá con “Oh Pera!”, e ás 21.00, a Agrupación Assircopatas despedirá a Mostra de Teatro Galego con “Rogelio III. La Fête”.
Non obstante, as datas previas continuarán desbordando talento: o martes 5, da man de Teatro del Andamio (“A nova historia da cigarra e a formiga”) e Grupo Chévere (“As fillas bravas de Momán 2025”), que recibirá o Premio do Público Adulto 2024 antes de actuar. O mesmo ocorrerá o mércores 6 con Píscore (“Molto Barroco”), que será protagonista xunto a Berrobambán (“Ubasute”). O xoves 7 resérvase para Os Náufragos (“Bule bule”) e Culturactiva (“Nada se sabe”, coproducida co Centro Dramático Galego); e o venres 8, Caramuxo (“Crisálida”) e Galeteatro (“Arte sen guión”).