Nos primeiros anos 70, cando cursabamos os últimos anos da carreira, unha decena de ben avindos aspirantes a filólogos, hispánicos e clásicos, adoitabamos xuntarnos, de cando en cando, para cear e falar de todo o que fose saíndo, que era do máis variado, abofé. Eramos, no remate de contas, xentes de diversas procedencias xeográficas e sociais. Dado o tempo transcorrido, non son moitas as cousas que daquelas animadas conversas poida recordar con certa nitidez. Mais si hai unha que lembro perfectamente. Manolo Escariz Magariños, unha das persoas que hai máis anos que coñezo, era un dos asiduos asistentes a eses convivios composteláns e unha desas noites contou un sucedido da nosa infancia que a min me pasara totalmente desapercibido. Eramos viciños de Ferrol Vello, el vivía na rúa da Mercé e eu na do Socorro -na casa onde nacín, non sei se el tamén nacera onde moraba- e debémonos coñecer de moi cativos xogando nos xardíns do porto, aos que hoxe chaman da Ranita, mais non así daquela, obviamente, porque a fonte, con golfiños e croantes batracios, obra do amigo Xoán Braxe, data de 1991. Logo fomos compañeiros, estudando primaria, no colexio das Discípulas de Jesús, onde tivo lugar o que nos contou esa noite Escariz. Seus pais viñeran da zona rural da Estrada e eran, como non, galego falantes, como eran meus avós maternos, en cuxa casa nacín. Nunca outra cousa lles escoitei falar entre eles que non fose galego, e iso que o avó vivira 34 anos na Habana. Acórdame ben que miña avoa e a mai de Manolo tamén usaban o galego falando entre si, non cando se dirixían a nós. Contaba Escariz que un día no colexio burláranse del por usar algunhas palabras en galego, que recordaba moi ben e, polo visto, eu saíra na súa defensa, con grande enerxía, alegando que aquilo non era falar mal, senón falar outra lingua, xesto que lle quedara ben gravado. E non é de estrañar, pois. para un rapaciño de 7 ou 8 anos, que eran os que debiamos ter nesa altura, tivo que resultar traumático o escarnio ao que uns compañeiros o sometían. Escarnio del e da lingua proria, a usada de cotío por seus pais e por centos de miles de galegos.
A min, como xa dixen, non me quedaron na mente restos daquel episodio, mais si teño recordos -pésimos, naturalmente- de cando, na estúpida adolescencia pola que todo o mundo pasa, non gustaba de levar á casa amigos que non fosen moi próximos por se logo se dedicaban a airear a práctica lingüística -galega- de meus avós. Que vergoña!, pensaba aquel neno estúpido que eu era, que se saiba por aí que meus avós falan galego. Iso de tentar agachar o idioma dos meus por absurdo señoritismo nunca o esquecín.
Estes recordos viñéronme á cabeza a conto do que está a acontecer en Canet de Mar -aínda que son casos ben diferentes- e de todo o que temos que ouvir. A sempre aconsellable prudencia para tratar calquera tema, nestes casos adoita facer mutis polo foro. E así escoitamos moitas barbaridades. Resulta curioso escoitarlles falar de nazismo aos herdeiros ideolóxicosda franquista “España, una, grande y libre” que en Cataluña se persegue o español e os seus falantes. Estiven bastantes veces por aló e nunca tal vin. Mais si vin en Galicia casos a esgalla de conflito idiomático como os relatados, e de pisoteo dos dereitos lingüísticos -individuais e colectivos- que podería referir. Prudencia, pois, e sensatez, que nunca sobran.