A cuestión está no reparto

Malia que vivimos nunha época con numerosos conflitos laborais poucas veces aparecen nos grandes medios, para alén de algúns casos como a folga do metal de Cádiz ou as protestas contra o ERE de Alcoa an Mariña. Só os xornais locais e comarcais e as webs dos sindicatos e partidos de esquerda danlle a importancia que merecen, tendo en consideración o aumento da precariedade e que a inflación está comendo os salarios, que para a maioría cobren as necesidades mínimas. Daquela que todo indique de que nos vindeiros meses a mobilización laboral irá a máis, a menos que o medre da economía e o emprego, o control da pandemia e a inflación, e a derrogación da reforma laboral, alente expectativas de que se abre un cambio de tendencia a prol da clase obreira.


Este estado de animo debería telo moi en consideración o Governo, e polo tanto, aínda que teña importancia a aprobación dos orzamentos e os Fondos Next Generation, non se pode esquecer que ademais hai que solucionar outras cuestións esenciais. Xa que non se trata só de que medre o PIB, e que se cree emprego, senón tamén de como se reparte a renda e os investimentos entre as clases sociais e os territorios. Por exemplo: que vai a pasar na Galiza coa rede interna de ferrocarril, tanto en novas vías como na súa mellora, ou cando se construirá o enlace de alta velocidade con Portugal? Tampouco se entende moito nesta Terra que a Ministra sexa tan refractaria a que Alcoa sexa nacionalizada, e que falte un proxecto reindustrializador para a comarca de Ferrol, e para a nación galega en xeral. Cando veremos ao PP e PSOE galegos deixándose a pel porque as súas direccións en Madrid deixen de tratar a Galiza como un país subalterno?


Neste ámbito ate que punto a iniciativa de oito autonomías, daquelas que perden máis aceleradamente povoación, tanto con governos do PP como do PSOE, está pensada para manter unha actitude firme coa dirección dos seus partidos, indo para alén das declaracións e escenificacións conxunturais? En principio é unha iniciativa positiva, porén se temos en consideración os antecedentes non se pode ser moi optimistas, máxime cando obviouse estendela á sociedade, contar coa súa participación e protagonismo. Esta é unha presión que historicamente veñen realizando os sindicatos, as organizacións feministas, ecolóxicas, e os partidos nacionalista. En resumo nalgunhas oportunidades semella que hai coincidencias nos obxectivos, mais non na folla de ruta, porque segue a ter un papel central como se reparte, tanto a riqueza como o poder.

A cuestión está no reparto

Te puede interesar