Europeos

Xa van aló máis de 60 anos da creación da Unión Europea, mais lonxe de considerar “o choio” rematado, pois queda moito camiño por andar, semella que está a comezar a desfeita dunha parte dos logros acadados, grazas ao diálogo e á tolerancia coas que comezou esa grande aventura. Primeiro foi a espantada dos ingleses, pero xa hai outras nacións que parecen dispostas a por paus nos engrenaxes da política común, poñendo a súa Constitución por enriba das leis comunitarias. Coido que o caso dos ingleses era de esperar, dada a súa tendencia exclusivista, mantendo o seu sistema de pesos, medidas e moedas. Eles van ao seu, e sempre pola esquerda, claro. Ou sexa, que “o inimigo está dentro” e será mellor deixalo que se vaia. Nembargante, esa teoría non sempre daría bo resultado, pois no caso do independentismo dentro de nacións europeas, non é doada de entender a pretensión de ser independentes dentro dos estados e querer pertencer á Unión Europea, onde non poderán ser independentes, porque aí hai que estar “unidos dentro da diversidade”, premisa que non aceptan dentro dos seus países de orixe. E xa que logo, como se amaña isto? Eu non sei, pero coido que se busca algo máis que independencia. Pero, cada tolo coa súa teima. Digo eu, claro.

Europeos

Te puede interesar