Esmagados pola cadea de valor

Destacase polo Governo Galego que balanza comercial galega co exterior é positiva perante este rebote pos-pandemia, polo que estaría garantido recobrar pronto niveis de produción anterior ao covid-19. Non se pode negar que é un bo dato, máxime cando a ocupación acada taxas superiores ás de 2019. Mais cómpre matizar. Respecto do emprego, que se debe ás contratacións do sector público, especialmente sanidade, que non teñen garantida a súa continuidade, malia que a necesidade estea xustificada, como en atención primaria e dependencia. Tampouco se pode obviar que aínda continúan nos ERTEs miles de traballadores/as, que contabilizan como ocupados, mais non teñen asegurada a súa continuidade. E, ademais, non son poucas as grandes empresas afectadas por peches totais ou EREs parciais, como Endesa, Vestas, Alcoa, etc. Unhas reducións de persoal que tamén se dan no sector financeiro.

A medio prazo o panorama amosa moitos interrogantes que non se poden tratar illadamente do rebote actual na economía e no emprego. Axudarán a superalos os investimentos de Next Generation?... Teño dúbidas; aínda que pode mitigar en parte o reaxuste. Fago esta afirmación porque a economía galega nas últimas décadas foise facendo cada vez máis dependente, e sobre todo, perdendo peso na escala de valor. Un exemplo concreto é que a saída de capitais multiplica varias veces a entrada de investimento, o que fai que unha balanza comercial positiva cos países que non integran o Estado español (pouco máis da metade do comercio exterior) termine creando sobre todo emprego fóra de Galiza. No ano 2020 investíronse fóra 1.814 millóns fronte a unha entrada de 80 millóns. Todo indica que o saldo co Estado español ten unha tendencia moi semellante.

Polo tanto, os datos anteriores cuestionan que só cunha balanza exterior positiva abonde para desenvolver o noso país, senón garantimos ao mesmo tempo un saldo de capitais favorábel. Claro que para que sexa así o primeiro paso é ca maioría das compañías punteiras teñan as súas sedes na Galiza, tendo en consideración o que iso implica en termos de cadros de dirección e investigación, e en achegamento a realidade e necesidades da nación galega. Nas derradeiras décadas foron mercadas por capital externo ou pecharon moitas empresas galegas que facían de locomotora; seu lugar foi ocupado polo capitalismo foráneo. Resultado: grandes esforzos, inútiles, para non perder peso demográfico e económico, aínda que medre o PIB por persoa. Daquela a importancia, tamén nestes temas, para termos poder político propio.

Esmagados pola cadea de valor

Te puede interesar