Fundación García Lorca

empre que vou a Granada teño algún tema pendente con Federico García Lorca. Nas anteriores ocasións que fun por alá visitei toda a súa ruta, dende a súa casa natal en Fuente Vaqueros ata a casa dos Rosales onde foi apresado. Pero nesta viaxe tiña que pasar pola que é a súa Fundación, polo Centro García Lorca, que está na Praza da Romanilla, moi preto da Catedral. E alá fun.

A primeira impresión que un experimenta cando chega alí é a que produce a contemplación da estrutura arquitectónica do Centro. Na miña anterior viaxe estaba a piques de ser inaugurado.

Nel arestora había unha exposición titulada “De la Vista al Tacto”, interesante, pero o que a min máis me suxería era repasar todo o que había sobre o poeta nas vitrinas e nos expositores: fotografías cheas de códigos xestuais, poemas manuscritos, apuntes de textos inconclusos, cartas á familia, e case toda a obra editada do poeta. Todo como testemuñas da súa formidable creatividade E digo case toda porque, logo de observar polo miúdo todo o amosado, resulta que non atopei a edición bibliográfica dos seus seis poemas galegos, algo que non figuraba nese conxunto e que deberían estaren alí formando parte do legado do poeta. Falei coa funcionaria que nese intre se atopaba no Centro, e moi amable remitiume á presidenta da Fundación, Laura García Lorca de los Ríos, sobriña de García Lorca, ausente ese día. No Centro dixéronme que estaría encantada de recibir o libro cos seis poemas galegos do seu tío. Proporcionáronme o seu enderezo postal e o seu teléfono, e a non tardar poñereime en contacto con ela. Malia o asunto dos poemas galegos informareille tamén da nota autógrafa da súa tía Isabel García Lorca , que me entregou na súa casa de Madrid o 25 de outubro de 1977, autorizándome a gravar tres poemas máis do seu irmá.

Lorca un día desde Granada escribe: “ Desde las entrañas de mi Andalucía / regados con sangre de mi corazón / le mando a Galicia, dulce Rosalía / claveles atados con rayos de sol/.

A min gustaríame pensar que eses caraveis atados con raios de sol foran os seis poemas que Lorca escribiu coa axuda de Ernesto Guerra da Cal e Eduardo Blanco Amor, poemas cheos de musicalidade, pois ai están a danza, canción, cantiga, madrigal, nocturno e troula. Lorca tocaba, e ben, o piano e posiblemente chegara a coñecer certos retallos da nosa música popular.

Rebule polo meu maxín algo que sobre os poemas galegos de Lorca poderíase facer na súa Fundación porque... “Todo é posible en Granada”.


Fundación García Lorca

Te puede interesar